O BNG reclama unha revisión dos tempos nos semáforos

A falta de sincronización reduce a permanencia en verde para cruzar a pé

O BNG reclama unha revisión dos tempos nos semáforos

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017.- O grupo municipal do BNG recibiu diversas queixas sobre a falta de sincronización dos semáforos en Santiago de Compostela, pois uns rompen o ritmo tanto das persoas que van tanto a pé como en coche, nalgúns o tempo de agarda para peóns supera os 6 minutos e noutros non lle dá tempo a cruzar a persoas maiores ou a quen leva crianzas. Neste sentido, o BNG demanda unha revisión dos tempos nos semáforos para mellorar a mobilidade e facer unha cidade máis accesíbel.

Na Comisión de Queixas recibíronse escritos sobre o mal funcionamento dos semáforos, en concreto expoñen que en Galeras segundo a franxa horaria tarda 6 minutos 40 segundos ou 3 minutos e 36 segundos en poñerse en verde para peóns, o que consideran excesivo para cruzar unha zona tan transitada.

Outras queixas son referidas á ineficacia dos novos semáforos instalados durante o Goberno do PP no Ensanche, que entorpecen e ralentizan a circulación en cruces con rúas tan estreitas. Estes, ademais, non teñen dispositivo adaptado para persoas cegas. Coa reordenación do tráfico en Montero Ríos aínda se fan máis innecesarios.

Na rúa da Senra, no tramo con catro carrís para vehículos hai dous semáforos paralelos. Un está aberto 44 segundos polas mañás (34 polas tardes) e outro tan só 16 segundos para os peóns; polo que resulta insuficiente para camiñaren as persoas con crianzas, as de idade avanzada ou en cadeira de rodas que teñen dificultades para alcanzaren en tempo a outra beirarrúa. Ademais, cando pecha o semáforo para vehículos no Hórreo en dirección á Senra transcorren 20 segundos até que cambia o de peóns na Senra, tempo que se pode gañar para reducir o 1 minuto 40 segundos de agarda existente e para incrementar o tempo que está en verde (16 segundos). Tal como están na actualidade, provocan unha ruptura do ritmo ao andar e, máis, ao atopar en vermello o da seguinte rúa que se ten que cruzar.

Deste xeito, O BNG reclama unha revisión da sincronización semafórica da cidade para contribuír a evitar retencións de tráfico e facer máis amábel o feito de camiñar.

O BNG reclama unha revisión dos tempos nos semáforos