SEGURIDADE VIARIA

O BNG reclama que se rocen as marxes de estradas e beirarrúas

Rubén Cela sinala que a vexetación reduce a visibilidade e impide a evacuación de augas nos noiros e cunetas

O BNG reclama que se rocen as marxes de estradas e beirarrúas

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, ante as numerosas queixas recibidas da veciñanza, reclamoulle ao Goberno de Compostela Aberta que axilice os procedementos para a limpeza, roza e mantemento de marxes e drenaxes de estradas, beirarrúas e carreiros fluviais.

O BNG considera que o Concello de Santiago debe efectuar, canto antes, os traballos de roza de vexetación á beira de camiños, estradas e noiros, tanto pola redución de visibilidade que ocasiona para vehículos e peóns como para facilitar a evacuación de augas, a duración do asfaltado e a prevención de incendios.

Ademais, reclama que se evite o fumigado con herbicidas tipo glifosato, pois esta substancia tóxica, que xa está prohibida en numerosas cidades, infíltrase no solo, é solúbel na auga e persistente no ambiente; co que contamina fontes e acuíferos, ademais de resultar daniña para a fauna acuática, animais domésticos e gando, polo que non debe aplicarse en espazos públicos nin perto de cursos de auga ou fontes.

Tamén reclama celeridade para aplicar o plan de erradicación do carrizo da Pampa (Cortaderia selloana), unha planta exótica invasora que causa perdas no sector agrícola e forestal, tal como se aprobou a petición do BNG no Pleno de decembro de 2016.