PLENO

O BNG reclama que o servizo de lacería se preste 24 horas, como demandan colectivos animalistas

Navia Rivas
Navia Rivas
A atención en horario de oficina supón un problema para as asociacións de benestar animal que suplen este traballo polo mal funcionamento deste servizo
O BNG reclama que o servizo de lacería se preste 24 horas, como demandan colectivos animalistas

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019.- O BNG trasladou ao último Pleno unha iniciativa para que se busque unha solución para atender de xeito permanente o servizo de lacería durante as 24 horas, ante as queixas recibidas desde colectivos animalistas. A resposta do Goberno local foi que o novo prego especifica que será por 7 horas e unha bolsa de horas extraordinarias.

A concelleira Navia Rivas reuniuse con colectivos animalistas que deron traslado ao BNG da situación do servizo de lacería, que na actualidade ten horario de oficina en vez de atender as 24 horas diarias como cómpre nunha cidade como Santiago de Compostela. Desde que en maio de 2018 rematou o contrato do servizo de intervención e recollida de animais abandonados, perdidos, domésticos ou salvaxes, que era por 24 horas, a outra empresa que o presta na actualidade atende de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 e no restante só emerxencias, segundo explicou.

Con este sistema, “o servizo na actualidade non está a funcionar correctamente e isto ocasionou problemas como un can nunha estrada que estivo máis de dúas horas até que foi recollido”, puxo como exemplo, “ou o caso de crías de gatos que se atopan en colectores do lixo e que acaban atendendo colectivos animalistas ou a propia veciñanza cando o servizo debería estar garantido polo Concello”.

Para o BNG, con este xeito de organización, é evidente que o servizo non está a funcionar como lle corresponde e isto representa un problema para estes colectivos que traballan polo benestar dos animais e para a veciñanza, que teñen que se facer cargo de moitas das emerxencias.

No Pleno, a concelleira de Benestar Animal sinalou que “o servizo de lacería de 24 horas ten un custe elevadísimo” e que está en proceso de redacción o novo prego de contratación “onde queda recollido 7 horas de servizo e unha bolsa de horas para urxencias extraordinarias”, explicou.