MOBILIDADE

O BNG reclama que os tempos dos semáforos en Compostela cumpran a normativa de accesibilidade

Recibiu queixas dos semáforos da Senra e das estacións de autobuses e de tren

O BNG reclama que os tempos dos semáforos en Compostela cumpran a normativa de accesibilidade

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2018.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao Goberno local que adecúe os tempos dos semáforos á normativa de accesibilidade, pois recibiu diversas queixas de persoas ás que non lles dá tempo a cruzar en determinados pasos de peóns de Santiago de Compostela. Hai catro meses xa realizara esta petición para mellorar a mobilidade cunha batería de exemplos extraídos da Comisión de Queixas e Suxestións.

Para cruzar é necesario que os semáforos dispoñan dun tempo en verde para peóns, segundo a distancia a percorrer, equivalente a 0,5 m/s. Isto é o que determina a Orde VIV/561/2010 que desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados, segundo información facilitada por COGAMI.

Dende a experimentación realizada en COGAMI, con persoas usuarias en cadeira de rodas e muleta, este valor cumpre cos parámetros de accesibilidade e tamén é apoiado polo Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas, CEAPAT, dependente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

A modo de exemplos, o BNG sinala o semáforo da Senra, na praza de Galiza, que só está 16 segundos en verde para atravesar 4 carrís e o da estación de autobuses, en Rodríguez de Viguri, que está 24 segundos aberto para 6 carrís. Cómpre ter en conta que cada carril debe ter un ancho estándar de 3,5 metros e un mínimo de 2,75 metros. O feito de manter en ámbar para vehículos o semáforo da avenida de Lugo que dá acceso á estación de tren provoca tamén numerosos problemas de seguranza para peóns, entre outros lugares onde tamén acontece.

Deste xeito, o BNG propón unha revisión da sincronización semafórica da cidade para contribuír a evitar retencións de tráfico e facer máis amábel o feito de camiñar, pois na actualidade rompen o ritmo das persoas que van tanto a pé como en coche, e non lles dá tempo a cruzar ás persoas maiores, a quen leva crianzas ou muletas.