BENESTAR ANIMAL

O BNG reclámalle a Compostela Aberta maior atención ás aves do estanque do Auditorio de Galiza

Aves no Auditorio de Galiza
Aves no Auditorio de Galiza

O Concello debe velar polo coidado, alimentación e descanso destes animais que sofren danos nunha contorna inadecuada

O BNG reclámalle a Compostela Aberta maior atención ás aves do estanque do Auditorio de Galiza

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2018.- O grupo municipal do BNG demándalle ao equipo de Martiño Noriega un maior coidado dos animais do estanque do Auditorio de Galiza, ante a alta mortalidade dos parrulos que alí habitan.

Segundo queixas recibidas polo BNG, unha femia de ánade leva morta desde o xoves 21 e os seus compañeiros non se separan do cadáver. Cuestiona, ademais, que as chamadas realizadas á Concellaría de Benestar Animal e de Medio Ambiente non resolveron o problema.

No transcurso de 10 meses morreron de forma traumática 5 ánades, unha oca, 3 patos, un cisne e houbo 5 feridos por mordidas de can e por golpes de persoas.

Sinalan tamén que hai sempre moita sucidade con envases de vidro e cartón de bebidas alcohólicas nas inmediacións do estanque, nun ambiente que non proporciona o descanso e seguranza que estas aves precisan.

Estes animais son responsabilidade do Concello de Santiago, que debe preocuparse deles en canto a alimentación, refuxio, veterinaria e protección. No estanque do Auditorio só debería de haber os animais que colonicen libremente esas augas como corvos mariños, garzas e garcetas; ademais dos que o Concello poña se se responsabiliza do seu coidado.