ORZAMENTOS

O BNG reclámalle información ao PSOE sobre partidas opacas e excluídas na proposta de Orzamentos que vai a Pleno este venres

bng
bng

Goretti Sanmartín propón crear un foro estábel con participación sectorial e veciñal para decidir o modelo de cidade e evitar a turistificación

O BNG reclámalle información ao PSOE sobre partidas opacas e excluídas na proposta de Orzamentos que vai a Pleno este venres

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, requiriulle información ao Goberno local sobre proxectos aprobados e incluídos na anterior proposta de Orzamentos que non van na documentación achegada para a súa aprobación no Pleno deste venres. Algúns deste proxectos foron aprobados en Pleno a iniciativa do BNG e son reclamacións do asociacionismo veciñal.

Na reunión coa concelleira de Facenda, Marta Abal, a portavoz nacionalista pediu tamén explicacións “sobre algunhas das partidas opacas relativas a gastos discrecionais do novo Goberno local” que roldan os 600.000 euros. Algunhas delas son “relativas á programación e luces de Nadal e outras sobre estudos e plans directores do Xacobeo ou de Turismo, do proxecto Peleteiro e plans de conectividade para algúns barrios”, entre outros, “que desde a nosa perspectiva poderían non abordarse agora porque nalgúns casos xa existen eses plans e hai que actualizalos e desenvolvelos”.

Preguntou tamén pola exclusión ou minoración de partidas dos orzamentos que estaban incluídos na proposta do anterior Goberno para solucionar problemas urxentes nos barrios, de reparacións e humanizacións que foran propostas do BNG e acordos plenarios. Trátase do acondicionamento da parcela da rúa Altiboia co proxecto de aparcadoiro, a urbanización da rúa Valiño, a obra do campo da festa do Castiñeiriño e a reparación do muro das Fontiñas, que ningunha destas se vai incluír nestes Orzamentos do PSOE. Ademais da posta en valor do Castelo da Rocha, que nos anteriores Orzamentos figuraba cunha partida de 350.000 euros e agora minórase a 80.000 euros, coa explicación do escaso tempo para executar esa obra neste exercicio.

Referiuse tamén á discrecionalidade “para escoller unhas obras ou outras” en relación ás declaracións do alcalde no último Pleno ordinario de xullo cando afirmou que os acordos e compromisos da etapa anterior non hai que respectalos, que “os acordos dependen de se ten vontade ou non o novo goberno para levalos a cabo”. “Xa lle fixemos saber que non eran formas propias da democracia pois así baleira o contido político do Pleno”, ademais de seguir o feito de CA non cumprir os acordos plenarios, que foi criticado duramente tamén polo grupo socialista naquela altura “e non pode continuar nesa liña”, tendo en conta que ademais está en minoría. “Queremos que haxa unha afirmación clara de que o Goberno local respecte e faga efectivos os acordos plenarios para que sexan unha realidade”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa.

Trasladoulle tamén á concelleira de Facenda que debe haber un plan de choque para cumprir o período medio de pago a provedores/as que ten que reducirse a eses 30 días que marca a normativa, ademais de servir para poder dedicar os remanentes existentes a proxectos financeiramente sustentábeis e que algunhas desas obras que agora van quedar fóra dos Orzamentos se poidan realizar a cargo deses remanentes, en vez de ir para amortizar débeda bancaria.

Para o BNG, ao respecto do turismo e do Xacobeo “é fundamental crear un foro estábel e rigoroso onde se mesturen especialistas e sectores implicados, da veciñanza e axentes máis dinámicos, sobre o modelo de cidade”. “Iso non se soluciona cun contrato menor para que unha empresa faga unha proposta, o sistema ten que ser un foro con xornadas públicas para definir e marcar a estratexia sobre o modelo de cidade que queremos de cara aos vindeiros 10 anos” e evitar a turistificación, advertiu.

Avanzou tamén que, para o BNG, “estes orzamentos non se van tratar como un procedemento normal, pois son uns Orzamentos express, que poderían ser un expediente de modificación de crédito”. Fixarase como prioridade os Orzamentos de 2020 “que entendemos que teñen que traer unha proposta á volta das vacacións de verán para ir en prazo, con propostas para tamén falar da modificación das Ordenanzas Fiscais para poder ampliar bonificacións e exencións en impostos públicos para os colectivos desfavorecidos”. Xunto a iso, recordoulle a iniciativa do BNG de facer un pagamento de impostos á carta para que se poidan fraccionar segundo elixe a persoa contribuínte.

Reclamou tamén nesa xuntanza a inclusión de obras aprobadas no Pleno, que son reclamacións da veciñanza para mellorar outros barrios como a rede de parques públicos cubertos; a reforma das rúas Ultreia, Oviedo, Salamanca e Coimbra para solucionar os problemas de accesibilidade e humanizar este barrio; a cuberta da piscina do Sar para mellorar a súa eficiciencia enerxética e seguranza; o aparcadoiro público para dar servizo ao Ensanche que debe ser unha prioridade política e a creación do servizo de control e inspección e seguimento das empresas concesionarias dos servizos externalizados.