FONDOS EUROPEOS

O BNG reclámalle ao Goberno de Martiño Noriega que non durma nos loureiros e execute con eficiencia os 10 millóns de fondos europeos

Lembra que facilitou en Pleno a aprobación do proxecto de estratexia DUSI e reclama unha comisión para priorizar os investimentos

O BNG reclámalle ao Goberno de Martiño Noriega que non durma nos loureiros e execute con eficiencia os 10 millóns de fondos europeos

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2016.- O BNG congratúlase de que o Concello de Santiago obteña 10 millóns de euros de financiamento europeo para estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentábel e Integrado (DUSI) que serán cofinanciados mediante o programa FEDER de crecemento sostíbel 2014-2020, xa que facilitou a súa aprobación nun Pleno extraordinario de xaneiro de 2016. Así, reclámalle ao Goberno de Martiño Noriega que non durma nos loureiros e execute con eficiencia os 10 millóns de euros concedidos, ademais de convocar unha comisión cos grupos municipais para consensuar as prioridades.

Dende o BNG, entendemos que é crucial para o Concello de Santiago poder chegar a acordos con outras administracións, así como participar no maior número de convocatorias posíbeis axustadas ás necesidades da cidade”, explicou Rubén Cela. Porén, recordou que dos 15 millóns de euros solicitados, concedéronse 10 millóns polo que terán que descartar algúns dos proxectos presentados. Concellos cun número de habitantes moi inferior a Santiago de Compostela, como Marín ou Vilagarcía, obtiveron 5 millóns.

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG reclama que se convoque unha comisión para consensuar as prioridades, de xeito que se atenda a lealdade institucional e se facilite a aprobación dos proxectos por responsabilidade coa cidade, tal como fixeron os grupos municipais para a súa aprobación en Pleno, pese o Goberno de Compostela Aberta ter entregado un documento de 200 páxinas á unha e media da madrugada para tratalo na Comisión Informativa do día seguinte e de levar o expediente incompleto á sesión plenaria, posto que con contaba co informe de Intervención.

Neste sentido, o BNG require que o Goberno de Martiño Noriega se poña a traballar para aproveitar, con rigor, estes fondos europeos porque o escaso grao de execución de proxectos demostrado no que leva de mandato non é un bo agoiro da xestión que poidan facer agora. Así, a modo de exemplo, lembrou que o Centro Sociocultural do Romaño continúa pechado por falta de impulso na xestión municipal.

O BNG reclámalle ao Goberno de Martiño Noriega que non durma nos loureiros e execute con eficiencia os 10 millóns de fondos europeos