PLENO

O BNG reclamará no Pleno que se axilice o soterramento de servizos básicos para dotar de internet de banda larga a Cidade Histórica

A falta de acceso a novas tecnoloxías é unha das principais demandas para gañar e fixar poboación e pequeno comercio na Cidade Histórica

O BNG reclamará no Pleno que se axilice o soterramento de servizos básicos para dotar de internet de banda larga a Cidade Histórica

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2018.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para axilizar o soterramento dos servizos básicos e de internet de banda larga na Cidade Histórica para mellorar a habitabilidade, estética e seguranza co fin de eliminar as instalacións aéreas que afean o conxunto patrimonial.

A revisión do Plan Especial da Cidade Histórica, destinado á revitalización, recuperación de poboación residente e instalación de negocios cun modelo de actividades que sexan compatíbeis coa conservación do patrimonio de Santiago de Compostela constitúe unha oportunidade para dotar dos servizos básicos necesarios dos que carecen boa parte dos edificios.

Recentemente anunciouse por parte do Goberno municipal a substitución de vellas instalacións por fibra óptica, coa data de 2025 para soterrar o cableado e os servizos básicos. A falta de acceso a novas tecnoloxías é unha das principais demandas para gañar e fixar poboación e pequeno comercio na Cidade Histórica. De feito, xurdiu a iniciativa #FibraNaZonaVella da propia veciñanza ante os prexuízos que está a crear a falta de internet de banda larga na zona.