RESIDUOS

O BNG recórdalle ao Goberno local a necesidade de instalar colectores de recollida de vidro, plástico e papel no rural

Colectores sen tapa en Concheiros
Colectores sen tapa en Concheiros

“É un factor clave para atender a sensibilización ambiental”, explica Rubén Cela

O BNG recórdalle ao Goberno local a necesidade de instalar colectores de recollida de vidro, plástico e papel no rural

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2018.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno unha iniciativa para lembrarlle ao Goberno local de Martiño Noriega que deben instalar colectores de recollida selectiva no rural, tal como demanda a veciñanza. Rubén Cela sinalou que “facilitar o depósito de vidro, papel e plásticos é un factor clave para atender a sensibilización ambiental”.

Entre as queixas recibidas, indicou a modo de exemplo o caso da parroquia do Eixo, onde fan falta colectores de vidro e de papel nas aldeas de Bornais e da Veiga; e de vidro, papel e plástico nas aldeas do Eixo e no Valado. Este foi un dos temas que transmitiron representantes da veciñanza do Eixo nunha recente xuntanza co grupo municipal do BNG.

Lembra Rubén Cela que xa trasladou a petición mediante unha moción, hai 2 anos, para que se garantise a correcta accesibilidade aos colectores de lixo  por parte das persoas con mobilidade reducida, ademais de tomar o acordo da incorporación de novos colectores de recollida selectiva, que ía no segundo punto da iniciativa.

Entre as competencias do grupo de Goberno está prestar o servizo de recollida de residuos sólidos, coa disposición de colectores específicos para a reciclaxe e aproveitamento de envases, mais isto non se produce en moitos lugares do rural, explica o portavoz municipal do BNG.

Colectores rotos, sen tapa e falta de limpeza

Tamén a veciñanza dos Concheiros expresou o seu malestar pola presenza de colectores rotos e sen tapa que, sobre todo nestes días de calor, desprenden un forte cheiro que chega até o interior dos pisos.

Outra das reivindicacións do BNG neste sentido vai destinada a recordar mais unha vez que segue sen cumprirse o estipulado no prego do contrato do servizo de recollida de lixo en canto á limpeza e hixiene dos colectores, que debían ser lavados unha vez ao mes no ámbito urbano e cada tres meses no rural.