O BNG reivindica un Plan galego de emprego feminino neste 8 de marzo

O BNG reivindica un Plan galego de emprego feminino neste 8 de marzo

Goretti Sanmartín Rei defenderá unha moción no Pleno para que o Concello de Santiago chame á participación nos actos dos colectivos feministas

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago trasladará unha moción ao vindeiro Pleno relativa ás reivindicacións do 8 de marzo para reclamar un Plan galego de emprego feminino.

Segundo explicou a concelleira Goretti Sanmartín Rei, con esta esta iniciativa quérese instar ao Goberno da Xunta de Galiza “a dar cumprimento ao artigo 37 da Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galiza” e a elaborar un Plan galego de emprego feminino “que inclúa, entre outras medidas, axudas específicas para a creación de empresas femininas, con especial atención ás mulleres mozas e ás de máis de 45 anos”. Defende tamén a posta en marcha dunha Renda de Inserción Laboral para mulleres desempregadas de máis de 50 anos, cunha vida laboral igual ou superior a 30 anos de cotización e que tivesen esgotado as prestacións.

Ademais, a moción servirá para instar ao Goberno da Xunta a elaborar un Plan de corresponsabilidade que inclúa actuacións para facilitar a conciliación da vida persoal e familiar conforme a lexislación vixente.

No último punto require que o Concello apoie publicamente e chame á participación das veciñas e veciños nos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas con motivo do 8 de marzo.

Defensa de dereitos ante a crecente precariedade laboral

“A data do 8 de marzo reivindica e simboliza a loita incansábel das mulleres do mundo na defensa dos seus dereitos laborais e a defensa da igualdade”, explicou Goretti Sanmartín, e neste marzo de 2016 a realidade continúa a evidenciar que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres”.

Diante do discurso falaz da igualdade conseguida, diversos estudos, informes e enquisas recollen datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas. A fenda salarial segue a ser unha realidade aínda por combater diante da que as institucións non interpoñen medidas, recolle o texto da iniciativa. Ademais, son as mulleres quen lideran as estatísticas de emprego temporal e parcial. No que atinxe ao traballo non remunerado, as desigualdades no reparto das responsabilidades repercuten negativamente sobre as mulleres que tamén sofren a sobrecarga derivada da redución do apoio ás necesidades de coidados, sinala o documento que se debaterá no Pleno.

O BNG reivindica un Plan galego de emprego feminino neste 8 de marzo