O BNG rende homenaxe a Ánxel Casal e lembra o seu compromiso “co desenvolvemento da Galiza soberana"

O BNG rende homenaxe a Ánxel Casal e lembra o seu compromiso “co desenvolvemento da Galiza soberana"

Rubén Cela apela á creación dunha candidatura unitaria ás eleccións xerais que lle permita a Galiza “ficar nin un milímetro por detrás do estatus que poidan acadar Euskadi e Catalunya”

anxel01

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2015.- O BNG organizou un acto de homenaxe en lembranza de Ánxel Casal, alcalde nacionalista de Santiago de Compostela asasinado a mans do franquismo, que contou coa participación do portavoz municipal Rubén Cela, do presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Uxío Breogán Diéguez, e de Elvira Cienfuegos, membro do Consello local do BNG.

Na súa intervención, Rubén Cela destacou que “se algo nos ensinaron Casal, Castelao e Bóveda é que, a pesar das dificultades evidentes, con vontade, traballo honesto, firmeza ideolóxica, compromiso, ilusión, perseveranza, altura de miras e xenerosidade todo é posíbel no avance de Galiza cara a súa plena soberanía”.

Sobre as eleccións xerais e as políticas de alianzas, subliñou que “o debate non é se é ‘Podemos – outra cousa’ ou ‘Outra cousa – Podemos’; o debate é se Galiza vai estar ou non vai estar; o debate é se Galiza é ou non é”.

acto.anxel“Nós témolo claro, con toda a xenerosidade e flexibilidade que faga falta, pero o BNG só vai estar nunha candidatura de obediencia galega, con personalidade xurídica propia, que dea voz e músculo á defensa de Galiza”, afirmou. Galiza precisa dun grupo parlamentar galego “que poida continuar o inxente traballo do BNG estes anos nas Cortes, na defensa do noso idioma, cultura e autogoberno real, na defensa dos nosos sectores produtivos, dunhas infraestruturas dignas ou duns servizos públicos e de calidade para o noso pobo”.

Así, indicou que o BNG quere “un grupo parlamentar que nos permita loitar, no caso de que exista unha revisión da arquitectura institucional do Estado, por ficar nin un milímetro por detrás do estatus que poidan acadar Euskadi e Catalunya”.

“Galiza debe facer algo por Casal: non esquecelo e continuar o seu traballo; esa é a mellor homenaxe que lle podemos render a Casal, a Bóveda, Reboiras e todas as persoas que deron a súa vida por defenderen Galiza; tede por seguro que así o faremos”, engadiu.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Alexandre Bóveda destacou “o compromiso inquebrantábel de Ánxel Casal e do Partido Galeguista, co desenvolvemento dunha Galiza soberana”. Explicou o que significou “modelar e organizar o país, dotándoo de entidades e institucións propias nos planos político, económico, mediático, educativo e académico, entre outros", así como "a pervivencia do seu axir e dese seu compromiso, legado a través de diversas xeracións e activistas até a actualidade; co elo insubstituíbel do exilio e de figuras centrais do mesmo, como Castelao e Alonso Ríos".

Despois das intervencións e de depositar flores a carón da imprenta Nós, na rúa do Vilar, un pasarrúas con música tradicional presidido pola bandeira de Castelao coa lenda “Denantes mortos que escravos” chegou até a Casa do Concello, onde Rubén Cela e Goretti Sanmartín penduraron este emblema da balconada en memoria do que foi rexedor da cidade.