PLENO

O BNG require a clausura dos tecnosolos e a restauración da zona da canteira de Miramontes de acordo co plan inicial

Representantes da Plataforma veciñal de afectados/as polo vertedoiro de Grixoa intervirán no Pleno ao abeiro dunha moción do BNG

O BNG require a clausura dos tecnosolos e a restauración da zona da canteira de Miramontes de acordo co plan inicial

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018.- O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno unha moción co fin de emprender as xestións necesarias para a clausura dos tecnosolos e a restauración da zona da canteira de Miramontes de acordo co plan inicial, toda vez que as analíticas da Xunta confirman as denuncias realizadas pola Plataforma veciñal de afectados/as polo vertedoiro de Grixoa.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, o permiso inicial para esta restauración foise ampliando en resposta a diversas solicitudes das empresas e, na actualidade, o vertedoiro e os tecnosolos que cobren a aba da canteira de Miramontes están a incumprir a normativa en materia de xestión e tratamento de residuos, tanto na elaboración dos tecnosolos como no depósito do material. O BNG trasladou tamén estes incumprimentos ao Pleno de xuño de 2017 e aos parlamentos galego e europeo, ademais de facer unha campaña de sensibilización ambiental sobre o tema.

Logo de detectar e denunciar numerosas irregularidades por parte da Plataforma veciñal de afectados/as polo vertedoiro de Miramontes, as últimas inspeccións realizadas por persoal técnico da Xunta no vertedoiro provocaron a apertura de dous  expedientes sancionadores á empresa que xestiona as instalacións. Así, das 19 mostras tomadas pola Xunta, 15 delas incumpren o decreto 60/2009 e o RD 9/2005 no relativo aos límites para a protección da saúde humana e dos ecosistemas. A iso súmase que a instrución técnica dos tecnosolos determina que deben ser capas inferiores a 1 metro e nas catas realizadas superan os 2 metros de altura.

Ademais, dende a plataforma veciñal denuncian que non existe control dos rexistros de entrada dos camións ao vertedoiro e non se efectúan as probas de conformidade obrigadas. Nas catas realizadas, os parámetros COD (Carbono Orgánico Disolto) dobran, triplican e quintuplican os datos permitidos para garantir a salubridade.

A instalación dun vertedoiro de residuos non perigosos para a restauración do espazo natural da canteira de Miramontes, na parroquia de Grixoa en Santiago de Compostela, contou con autorización da Xunta en 2008 para eliminar 80.000 t/ano, nun vaso de vertido de 1 millón de metros cúbicos, nunha superficie de 4,5 hectáreas e cunha vida útil estimada en 20 anos.