O BNG require a convocatoria dun Consello de Tussa para coñecer a remodelación dos buses

O BNG require a convocatoria dun Consello de Tussa para coñecer a remodelación dos buses

Os cambios teñen que ter un contraste non só con técnicos especialistas e membros da Corporación municipal, senón tamén cos usuarios e coas usuarias do transporte público, advertiu Rubén Cela

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2016.- O grupo municipal do BNG requírelle ao Goberno local información sobre a reformulación as liñas de transporte urbano e a convocatoria urxente dun Consello de Administración de Tussa, pois os seus membros non teñen documentación “de algo tan substancial e que lle afecta a milleiros de persoas usuarias máis que polo publicado nos medios de comunicación”.

Deste xeito, Rubén Cela realizou unha petición formal por escrito para que se convoque un Consello de Administracion de Tussa para coñecer esta remodelación, “podemos coincidir na simplificación do mapa de liñas se iso non reduce a calidade do servizo e ten mellora de frecuencias, ou nos vehículos de tamaño máis reducido para determinadas zonas da cidade”.

“Queremos que teña unha coherencia coa aplicación do plan de mobilidade e non ir antes das súas conclusións, mais ten que ter un contraste non só con técnicos especialistas e membros da Corporación municipal, senón tamén cos usuarios e coas usuarias do transporte público”, indicou.

Ademais, o BNG aproveitará ese Consello de Administración de Tussa para recordar os asuntos pendentes que foron aprobados en Pleno a raíz de demandas veciñais e que aínda non se puxeron en práctica, a respecto dos paneis informativos coas frecuencias dos buses, temas de accesibilidade e necesidade de mellorar as marquesiñas.

O BNG require a convocatoria dun Consello de Tussa para coñecer a remodelación dos buses