O BNG require a dotación de servizos como iluminación e recollida de lixo en San Marcos

O BNG require a dotación de servizos como iluminación e recollida de lixo en San Marcos

As vivendas dispoñen de licenza de primeira ocupación e mesmo lles revisaron o IBI, pese a non dispor de servizos básicos municipais

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016.- O grupo municipal do BNG requírelle ao Goberno local de Compostela Aberta unha solución á dotación de servizos básicos na nova urbanización de San Marcos, pois seguen sen iluminación pública nin recollida de lixo pese a dispor de licenza de primeira ocupación.

Ademais, no Catastro esta urbanización figura como rematada e viuse afectada pola revisión de valores polo que, sen dispor de servizos, incrementáronlles o importe do Imposto de Bens Inmóbeis.

O BNG xa realizara unha pregunta sobre a falta destes servizos básicos no anterior mandato municipal, en concreto, en setembro de 2014 e en decembro dese mesmo ano acordouse a execución do aval por importe de 507.099 euros en concepto do 20% do importe da contrata da obra de urbanización do SUNP-31, no que figura o BBVA como avalista.

Así, no expediente consta un informe de marzo de 2016 onde se conceden novas licenzas de primeira ocupación, onde se sinala que “foron postos a disposición do Concello os espazos destinados a viario público que dan servizo ao uso das vivendas construídas na fase 1 do 1º Sector do SUNP-31 San Marcos”, mentres queda pendente a recepción das obras de urbanización da totalidade do polígono. A contía na que se orzan estas obras é de 99.254 euros, detalla o expediente.

O BNG recibiu queixas tamén sobre as parcelas sen construír, onde medrou a vexetación, polo risco que pode ocasionar a proximidade ás vivendas. Nestes momentos, a propietaria da urbanización é a inmobiliaria do BBVA.

O BNG require a dotación de servizos como iluminación e recollida de lixo en San Marcos