O BNG require a substitución da rede de abastecemento de auga na rúa de Amio

O BNG require a substitución da rede de abastecemento de auga na rúa de Amio

Trasladará unha iniciativa ao vindeiro Pleno municipal para esixirlle ao Goberno de Compostela Aberta que atenda as reivindicacións da asociación veciñal

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG demándalle ao Goberno local a substitución da rede de subministración de auga na rúa de Amio e a dotación de beirarrúas, ademais do arranxo do muro de contención sobre o río do Porto.

O grupo municipal do BNG de Santiago, diante das queixas recibidas da veciñanza sobre as continuas roturas da rede de subministración de auga e o perigo que a rúa de Amio supón tanto para vehículos como para a seguridade cidadá, considera que esta zona require dunha actuación urxente. Deste xeito, trasladará unha iniciativa ao vindeiro Pleno municipal para esixirlle ao Goberno de Compostela Aberta que atenda estas reivindicacións da asociación veciñal.

“As avarías na rede de subministración de auga son frecuentes polo que xulgamos que se debe avaliar a posibilidade de substituíla na súa totalidade para evitar as constantes roturas e, ademais, porque son de fibrocemento, material prohibido nas novas construcións por conter amianto que é nocivo para a saúde e contaminante”, explicou Rubén Cela, portavoz municipal do BNG.

Cómpre tamén unha actuación na zona que inclúa beirarrúas porque dende que se urbanizou o polígono da Sionlla a rúa de Amio soporta máis paso de automóbiles, o que converte en perigoso o tránsito de vehículos e viandantes.

O BNG engade tamén no texto da iniciativa a necesidade de arranxar, de xeito inmediato, o muro de contención da ponte sobre o río do Porto, co fin de evitar posíbeis accidentes.

O BNG require a substitución da rede de abastecemento de auga na rúa de Amio