O BNG requírelle ao alcalde que reclame o centro de saúde de Conxo

O BNG requírelle ao alcalde que reclame o centro de saúde de Conxo

As infraestruturas sanitarias resultan insuficientes para atender as 130.000 persoas asignadas ás cotas médicas de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago requiriulle ao alcalde Martiño Noriega que lle demande á Xunta a construción do centro de saúde de Conxo, posto que o seu plan director estaba comprometido dende 2010 e viña complementar o equipamento de Galeras recentemente aberto.

O centro de saúde de Conxo, orzado en 3 millóns de euros, é fundamental para complementar a rede de atención primaria en Santiago, pois os centros de Vite, Fontiñas, Conxo, Concepción Arenal e Galeras resultan insuficientes para atender as 130.000 persoas asignadas ás cotas médicas desta cidade.

O BNG demandou este centro sanitario en reiteradas ocasións, tanto no Concello de Santiago como no Parlamento de Galiza, sempre coa oposición frontal do PP, ademais de amosarse sempre moi crítico cos atrasos na súa posta en marcha e tamén co modelo de financiamento público-privado impulsado polo Goberno do PP na Xunta de Galiza para o sistema sanitario.

Para o BNG, é necesario que a construción das infraestruturas e a xestión dos centros de saúde do sistema sanitario galego teñan carácter público, pois considera que a sanidade pública, universal e gratuíta constitúe o xeito de garantir unha atención igualitaria e de calidade a toda a poboación.

O BNG requírelle ao alcalde que reclame o centro de saúde de Conxo