O BNG requírelle ao Goberno local que apoie as mobilizacións do sector lácteo

O BNG requírelle ao Goberno local que apoie as mobilizacións do sector lácteo

Traslada unha moción ao Pleno para defender medidas que garantan un prezo xusto para o leite galego

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2015.- O portavoz do grupo nacionalista, Rubén Cela, presentou unha moción en defensa do sector lácteo galego e para que o Concello de Santiago facilite a súa colaboración nas mobilizacións convocadas con milleiros de tractores que se concentrarán do 7 ao 10 de setembro na nosa cidade para reivindicar dereitos de produción e prezos dignos para o leite galego.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, con esta iniciativa preténdese que o Concello de Santiago inste ao Goberno galego e ao Goberno do Estado a que apremen ás industrias e aos primeiros compradores a garantir a recollida de todo o leite que se produza nas explotacións galegas; ademais de pular para que garanta “un prezo xusto do leite en orixe que cubra os gastos de produción mediante a creación dun instrumento interprofesional de negociación e decisión coa participación do sector produtor, industria e distribución, actuando a administración como mediadora e catalizadora de acordos e velando polo seu cumprimento”, segundo recolle o texto da moción do BNG.

Aproveitou tamén para reclamarlle ao novo equipo do goberno “un cambio de 180º na política municipal a respecto do sector agrogandeiro” e lembrou o intento do peche da feira do gando de Amio “que concluíu 2014 como o segundo máis importante do Estado, con vendas superiores a 100.000 cabezas de gando vacún e cun movemento de máis de 42 millóns de euros de volume de negocio”, ademais das “medidas esperpénticas” de aplicar unha ordenanza de mascotas a un gandeiro no anterior mandato municipal.

Cómpre ter en conta que as administracións públicas realizaron investimentos de fondos públicos cuantiosos nas concentracións parcelarias, co obxectivo de organizar as estruturas agrarias para lograr explotacións máis viábeis, desenvolver o potencial das áreas rurais e dinamizar estes espazos dende unha perspectiva que incorporase aspectos sociais e económicos. Así, Santiago está declarado como Zona de Especial Interese Agrario e mantén 427 explotacións gandeiras e 5.708 cabezas bovinas, das que 1.633 son vacas de muxidura (IGE 2012) que representan unha función clave para a diversificación económica. Na comarca de Compostela hai 1.350 explotacións bovinas con 9.597 vacas de muxidura (IGE 2012). O 12% da produción láctea galega ten orixe na comarca de Compostela, segundo datos do sector agrogandeiro.

Advertiu, ademais, que o sector leva meses de caídas continuadas dos prezos en orixe que obrigan as explotacións “a venderen o seu produto por debaixo dos custes de produción e a afrontar importantes perdas”. “De manterse esta situación, pode tornarse irreversíbel”, afirmou.

“A necesidade de que Galiza conte con voz propia no Congreso para defender os nosos intereses como país é a mostra de que foi o BNG quen no Debate dos Orzamentos do Estado esixiu un plan de choque a favor do sector lácteo galego, contra as políticas do PP que deixan esmorecer o noso sector primario”, concluíu Rubén Cela.

O BNG requírelle ao Goberno local que apoie as mobilizacións do sector lácteo