ORZAMENTOS

O BNG rexistra emendas aos Orzamentos da Xunta para reducir a débeda histórica con servizos básicos para Compostela

Xosé Luís Rivas "Mini" e Goretti Sanmartín
Xosé Luís Rivas "Mini" e Goretti Sanmartín

Entre as novas partidas figuran 1,5 millóns de euros para o saneamento do rural, para contribuír a que sexa unha realidade o Pacto polo rural promovido por Ferusa, e 500.000 euros para bus nocturno para a mocidade

O BNG rexistra emendas aos Orzamentos da Xunta para reducir a débeda histórica con servizos básicos para Compostela

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e o deputado Xosé Luís Rivas “Mini” presentaron as emendas aos Orzamentos da Xunta de 2020 para Santiago de Compostela que inclúen a dotación e mellora de servizos básicos como saneamento, a construción da depuradora, vivenda de protección pública e máis prazas para escolas infantís, entre outras.

“A gran proposta dos Orzamentos do PP é o Ano Santo, non hai estratexia produtiva, nin industrial nin se aposta por innovación, nin pola educación nin por recuperar a sanidade pública, porque se aposta pola privatización sanitaria con grandes medios propagandísticos”, explicou o deputado do BNG. “A capital de Galiza está ausente, non existe para o Goberno de Feijóo, porque non ten proxecto de país e así estamos vendidos, porque non se identifican os problemas como un todo relacionado”, engadiu. Referiuse ao conflito coa industria, “que está con graves problemas con ameazas de peches de empresas”, e por outro lado está a chamada “lexislatura do rural, cando saben moi ben que é a radiografía demográfica do abandono”. Puxo como exemplo a concentración parcelaria de Villestro e Figueiras, en Santiago de Compostela, “que entraba no plan das que ían acabar nesta lexislatura” e non se avanzou.

Segundo afirmou Xosé Luís Rivas, “estes orzamentos non serven para enfrontar a crise económica, non benefician o rural, non facilitan a creación de emprego nin solucionan a precariedade laboral, non serven para rehabilitar a vivenda, nin afrontan a violencia machista coa decisión e a contundencia debidas, nin a feminización da pobreza e manteñen unha asfixia da lingua e da cultura”. Ademais a Xunta segue sen exercer competencias que asumen os concellos sen o orzamento debido “porque negan a realidade de carencias sociais e económicos que temos”.

Para Goretti Sanmartín, a folla de ruta que ten o PP para a capital do país non é nova, porque nestes Orzamentos vese que a Xunta de Galiza “continúa a darlle as costas a este país e hai infraestruturas e carencias históricas en Santiago de Compostela que non se atenden mentres miran para o Xacobeo desde a perspectiva do turismo e non da veciñanza, cando se poderían aproveitar para facer unha política diferente”.

Así, bota en falta que non se trate o problema da vivenda de protección pública, en concreto “o proxecto de vivenda para xente moza en Xoán XXIII que mantén unha parcela a silvas desde hai anos”; como non aparece tampouco a necesidade de impulsar a rehabilitación de vivendas na Cidade histórica con medidas para a insonorización, para fixar poboación e recuperar locais pechados; cando a ferramenta para facelo é o Consorcio. “Entendemos que é positivo que se inclúan nos Orzamentos da Xunta a instalación de fibra óptica na Cidade histórica mais sen unha política de rehabilitación de vivendas e de locais pechados non se vai conseguir que continúe a ser unha cidade habitada e viva na súa zona histórica”, explicou.

Cuestionou tamén que non apareza ningunha cantidade consignada para a estación depuradora da Silvouta, “cando o proxecto vai estar resolto nos primeiros meses de 2020 e hai que comezar de maneira inmediata a construción para chegar a tempo aos fondos europeos”.

Tampouco se inclúe unha planta de compostaxe, polo que o BNG inclúe unha emenda para que se poida iniciar o proceso para que Santiago sexa referente en políticas ambientais e de reciclaxe nas proximidades.

En canto á política social e dotación de servizos, as que reclama o BNG a través de emendas “son demandas históricas e aprobadas polo Pleno en distintas ocasións”. Na listaxe está a creación de escolas infantís como a de Santa Marta; a construción do novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas, apoiada de maneira unánime pola Corporación; ou a ampliación do Conservatorio Profesional de Música, con terreo suficiente ao seu lado.

Outra emenda é destinada ao Estatuto de Capitalidade, “para que non sexa de baixa categoría onde non chegan as cantidades necesarias para afrontar os retos que Santiago de Compostela ten como capital do país”.

Plan de saneamento para o rural e bus nocturno, principais novidades

O BNG fíxose eco das reclamacións das parroquias do rural para facer un plan de saneamento, xa que o Concello non ten orzamento suficiente e debe ser a Xunta quen contribúa neste caso. O BNG presenta unha emenda para que se dedique 1,5 millóns de euros nesta anualidade, que debe ter continuidade para aquelas vivendas e núcleos do rural que non dispoñen deste servizo, como demanda a Ferusa.

Outra dotación nova que propón o BNG en forma de emenda é un bus nocturno interurbano para a mocidade, para o lecer nas fins de semana, para non ter coller o coche e reducir o número de accidentes. Nunha cidade universitaria e turística debe ser o normal ter un bus nocturno, explicou. Para iso, a emenda é de 500.000 euros.

“O BNG fixo unha proposta de emendas realista, que chega aos 10 millóns de euros máis en partidas para Santiago de Compostela, cando o PP de forma sistemática rexeitou as propostas dos últimos anos”, lembrou a portavoz municipal.

Un punto de inflexión para incorporar demandas históricas

Así, pediulle ao PP e á Xunta que o 2020 sexa “un punto de inflexión do compromiso con Santiago de Compostela como capital do país e que, de maneira paulatina, incorpore as demandas históricas que teñen o apoio unánime de todos os grupos políticos da Corporación”.

Ademais, Goretti Sanmartín emprazou o alcalde “a dar un paso á fronte para dicir se estes Orzamentos están á altura do que Santiago merece e facerlle unha reclamación ao propio presidente da Xunta para que defenda este concello e atenda as necesidades da veciñanza e daquelas sustentadas en acordos plenarios, para que faga o posíbel para que estas emendas sexan aprobadas no Pleno do Parlamento”.

O BNG rexistra emendas aos Orzamentos da Xunta para reducir a débeda histórica con servizos básicos para Compostela