ACTO PÚBLICO

O BNG de Santiago organiza un debate sobre os ventres de alugueiro

acto.ventres.alugueiro
acto.ventres.alugueiro

Será o martes 27 de xuño ás 20:00 horas na libraría Lila de Lilith e intervirán Olalla Rodil e Neal Baxter

O BNG de Santiago organiza un debate sobre os ventres de alugueiro

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017.- O BNG de Santiago organiza un debate sobre os ventres de alugueiro o martes 27 de xuño ás 20:00 horas na libraría Lila de Lilith (rúa Travesa, 7, Santiago de Compostela). O acto será presentado por Neal Baxter e intervirá a deputada parlamentar Olalla Rodil.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a práctica dos ventres de alugueiro como unha explotación máis do corpo das mulleres máis empobrecidas e vulnerábeis, polo que esixe a súa erradicación e se opón á súa legalización, regulamentación e banalización.

Así, o BNG rexeita a terminoloxía “xestación subrogada”, “maternidade subrogada”, “xestación por substitución” ou “subrogación”, así como a consideración desta práctica como unha técnica máis de reprodución asistida. Con estes eufemismos preténdese banalizar e medicalizar dun xeito aséptico o que é en realidade unha práctica que ten como piar básico a explotación con fins económicos do corpo das mulleres, nomeadamente das mulleres máis pobres.

O BNG entende que non é unha necesidade vital ter descendencia biolóxica, polo que a maternidade non se pode considerar un dereito como tal. Ante a premisa patriarcal, cómpre insistir en que unha muller non é menos muller por non ser nai biolóxica.

O Parlamento Europeo advertiu desta nova forma de explotación das mulleres en 2015 no seu Informe anual sobre os dereitos humanos e a democracia no mundo (2014) e a política da Unión Europea ao respecto, condenando literalmente “a práctica da xestación por substitución, que é contraria á dignidade humana da muller, xa que o seu corpo e as súas funcións reprodutivas empréganse como unha materia prima”. Este informe estima que “debe prohibirse esta práctica que implica a explotación das funcións reprodutivas e a utilización do corpo con fins financeiros ou doutro tipo, en particular no caso das mulleres vulnerábeis nos países en desenvolvemento” e pide que se examine no marco dos instrumentos de dereitos humanos.