O BNG de Santiago propón cambiar o nome da avenida Xoán Carlos I por avenida da República

Navia Rivas
Navia Rivas

Navia Rivas sinala que “os motivos que levaron a abdicar o Rei Emérito xunto cos indicios de delitos relacionados co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal non o fan digno de facer parte do rueiro compostelán”

O BNG de Santiago propón cambiar o nome da avenida Xoán Carlos I por avenida da República

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020.- O grupo municipal do BNG de Santiago proporá no vindeiro Pleno convocar a Comisión de Condecoracións para cambiar o nome da Avenida Xoán Carlos I por avenida da República.

“Na actualidade a Fiscalía está a investigar indicios de delitos coa presunta implicación do Rei Emérito relacionados co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal; cuestións que, xunto cos motivos que o levaron a abdicar, non o fan digno de facer parte do rueiro compostelán”, explicou a concelleira do BNG Navia Rivas.

Nos últimos anos, diversas cidades están a retirar os nomes da familia real dos viarios municipais así como as distincións outorgadas no pasado, “por considerarse a monarquía como unha figura anacrónica e, cada vez, máis asociada a presuntas irregularidades económicas e delituosas derivadas do abuso e do privilexio dos cargos que ostentan”, engadiu.

Á sucesión de episodios negativos que fixeron abdicar o Rei Xoán Carlos I, súmase a recente investigación que motivou que o seu fillo, o Rei Filipe VI, acordase retirarlle a asignación económica que recibía dos Orzamentos Xerais do Estado, unha cantidade de 194.232 euros brutos anuais, ademais de facer o anuncio público de renunciar á súa herdanza ante as presuntas irregularidades da procedencia do seu diñeiro.

Isto transcendeu porque a Fiscalía do Tribunal Supremo vén de abrir unha investigación sobre a posíbel intervención do Rei Emérito Xoán Carlos I no cobro de comisións durante o proceso de adxudicación a empresas españolas na construción da liña de ferrocarril de Medina á Meca, en Arabia Saudí, un feito que podería ter repercusión penal ao non estar xa amparado  pola inviolabilidade que lle confire o artigo 56.3 da Constitución española ao xefe do Estado por se tratar de feitos acontecidos con posterioridade ao 19 de xuño de 2014, data da súa abdicación, e aparecer novos indicios delituosos que o implican.

A imaxe de Xoán Carlos I, elixido por Francisco Franco en xullo de 1969 como o seu herdeiro a título de Rei, viuse especialmente deteriorada ao coñecerse os feitos da trama Nóos, na que el presuntamente participaba sendo aforado; o uso de fondos reservados para fins supostamente ilícitos; atribúeselle a suposta implicación en roubos de coleccións de arte; a participación en xornadas de caza de elefantes en Botswana; vinculacións de negocios irregulares coa oligarquía saudita e con Corinna Larssen, á que mesmo nos Orzamentos Xerais do Estado consignaron unha partida para o seu aloxamento nunha vivenda situada perto da Zarzuela. Deste xeito, dise que o Rei Xoán Carlos I abdicou para preservar a monarquía e así conseguiu preservar o título de Rei Emérito e parte do seu aforamento no Tribunal Supremo español.

Santiago de Compostela mantén a avenida denominada Rei Xoán Carlos I, como prolongación da avenida Rosalía de Castro, pola que transcorría o denominado Camiño Novo. No Pleno do 6 de maio de 1981 aprobouse o seu cambio de designación, para substituír o nome de Martínez Anido, que fora ministro de Gobernación con Primo de Rivera e de Orde Pública con Francisco Franco.

Segundo información facilitada polo profesor e investigador Xosé Ramón López Boullón, a actual avenida Xoán Carlos I tivo con anterioridade distintas denominacións como avenida de Martínez Anido, avenida da Liberdade, Camiño Novo, Campo da Feira ou Camiño de Pontevedra, entre outros.

 

O BNG de Santiago propón cambiar o nome da avenida Xoán Carlos I por avenida da República