DEPURADORA

O BNG solicita unha xunta de portavoces urxente para obter información da situación do proxecto da estación depuradora

Considera que este mandato de Compostela Aberta foi un tempo perdido cando cumpría axilizar os procedementos para esta nova infraestrutura que, segundo a Xunta, se atrasará até 2025

O BNG solicita unha xunta de portavoces urxente para obter información da situación do proxecto da estación depuradora

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018.- O grupo municipal do BNG solicítalle ao alcalde a convocatoria dunha xunta de portavoces urxente antes de final de ano, a teor das últimas informacións coñecidas, para que informe da situación actual do proxecto da estación depuradora de augas residuais na Silvouta, ante a posibilidade de perder os fondos europeos esgrimida pola Xunta.

Neste sentido, o BNG reclámalle transparencia ao grupo de Goberno de Compostela Aberta neste proxecto de vital importancia para reducir a contaminación no río Sar, co obxectivo de que expoña os datos sobre os prazos, procedemento e termos do convenio que ten previsto asinar coas outras administracións. Demanda tamén concretar se as previsións de licitar o proxecto en 2020 e do inicio das obras en 2022, marcadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, non poñen en risco o financiamento europeo que estabelece un prazo máximo de execución das obras en 2023, ademais de esclarecer o contido do “Informe de planificación básica da actuación saneamento de Santiago, nova EDAR da Silvouta”, redactado por Acuaes.

O BNG atribúe o risco de dispor dos fondos europeos á demora de Compostela Aberta, que tardou dous anos en cambiar o emprazamento da depuradora á Silvouta, como sempre defendeu o BNG. Así, considera que este mandato foi un tempo perdido cando cumpría axilizar os procedementos para facer en prazo esta nova infraestrutura que, segundo a Xunta, se atrasará cando menos até 2025.