O BNG traslada ao Parlamento a demora de até 8 meses en oncoloxía en Compostela

O BNG traslada ao Parlamento a demora de até 8 meses en oncoloxía en Compostela

A deputada Montse Prado esixe aumentar o cadro de persoal de profesionais sanitarios e que o programa informático siga criterios clínicos e non burocráticos

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2016.- O BNG rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento galego relativa á reprogramación das citas oncolóxicas en Compostela, logo de coñecer que consultas previstas para maio de 2016 son adiadas para xaneiro de 2017, oito meses máis tarde, co risco que iso supón para a diagnose e o tratamento do cancro.

A deputada Montse Prado require nesta iniciativa que o Parlamento de Galiza inste ao Goberno galego a realizar todas as actuacións precisas para que as persoas con doenzas oncolóxicas de Compostela, ás que se lles reprogramaron as consultas de revisión nas Estructuras Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) teñan as mesmas nas datas inicialmente previstas. Para iso, demanda aumentar o cadro de persoal de profesionais deste servizo “para atender a presión asistencial existente no mesmo”.

“O servizo de oncoloxía da EOXI de Compostela leva anos con traballo ao límite”, explicou a deputada nacionalista, “mentres as patoloxías oncolóxicas e a súa complexidade non fixo máis que aumentar nos últimos anos, o número de profesionais de oncoloxía non se incrementou do xeito debido para atender a demanda asistencial polo que se ven desbordados”.

“A isto hai que engadir a implantación do programa de prescrición farmacéutica Silicom, unha ferramenta informática dependente da empresa privada, pensada para a xestión da farmacia hospitalaria sen responder a criterios clínicos, tan só burocráticos, e que obriga a investir o dobre do tempo en atender a cada doente”, advertiu.

O BNG considera “inadmisíbel” esta situación que obriga a profesionais da sanidade “a traballar cunha presión asistencial moi por enriba do normal e que incide negativamente na calidade da prestación sanitaria”.

Deste xeito, Montse Prado rexistrou tamén unha interpelación no Parlamento galego para coñecer, entre outras, as razóns de atrasar estas citas de oncoloxía e por que non se fixo uso de recursos propios do Sergas para elaborar a ferramenta informática que está a provocar estas demoras na atención sanitaria.

O BNG traslada ao Parlamento a demora de até 8 meses en oncoloxía en Compostela