PLENO

O BNG traslada ao Pleno deste xoves a proposta para cambiar o nome da avenida Juan Carlos I “na busca dun consenso”

Avenida del Rey Juan Carlos I
Avenida del Rey Juan Carlos I

“O nome deberá ser acordado con especialistas e consensuado na Comisión de Condecoracións, polo que estamos abertas a estudar propostas para recuperar a toponimia tradicional dese emprazamento”, explicou Navia Rivas

O BNG traslada ao Pleno deste xoves a proposta para cambiar o nome da avenida Juan Carlos I “na busca dun consenso”

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020.- O BNG de Santiago presentará no Pleno deste xoves a moción para a proposta de cambio de nome da avenida Juan Carlos I logo da investigación aberta por suposto branqueo de capitais, cobro de comisións e fraude fiscal que, xunto cos motivos que o levaron a abdicar, non o fan merecente de ser parte do rueiro compostelán. “Esperamos desde o BNG que pronto se cambie este nome de Juan Carlos I que non é digno de ter unha avenida na cidade de Santiago e animamos a que haxa o máximo consenso para sacar adiante esta proposta e a chegar a acordo para a nova designación”, explicou a concelleira do BNG Navia Rivas.

“Xa non é só que a figura da monarquía sexa anacrónica e que, ademais, está cuestionada por amplos sectores da poboación como modelo de Estado, o que vai ligado a unha sucesión de episodios negativos que provocaron a abdicación do Rei Juan Carlos até o punto de que a Casa Real vén de retirarlle a asignación que percibía dos Orzamentos do Estado”, sinalou.

A Fiscalía do Tribunal Supremo abriu recentemente unha investigación sobre a posíbel intervención do Rei Emérito Juan Carlos I no cobro de comisións durante o proceso de adxudicación a empresas españolas na construción da liña de ferrocarril de Medina á Meca, en Arabia Saudí, que se suma a súa presunta vinculación coa trama Nóos, ao uso de fondos reservados para fins supostamente ilícitos ou á participación en xornadas de caza de elefantes en Botswana.

“O que queremos desde o BNG é que esta figura, máis que cuestionada, non sexa o nome dunha avenida en Compostela”, afirmou Navia Rivas. “Se ben o BNG nun primeiro momento propuxo varios nomes para o seu cambio, como avenida da República ou avenida da Liberdade, queremos deixar claro que o nome que debe recibir deberá ser acordado con especialistas e consensuado na Comisión de Condecoracións, polo que estamos abertas a estudar propostas para recuperar a toponimia tradicional dese emprazamento e que se chegue a acordo para decidir a denominación para esta arteria viaria na nosa cidade”, engadiu.

A actual avenida Xoán Carlos I tivo con anterioridade distintas denominacións como avenida de Martínez Anido, avenida da Liberdade, Camiño Novo, Campo da Feira ou Camiño de Pontevedra, entre outros. No Pleno do 6 de maio de 1981 aprobouse o seu cambio de designación como avenida del Rey Juan Carlos I para substituír o nome de Martínez Anido, que fora ministro de Gobernación con Primo de Rivera e de Orde Pública con Francisco Franco.

O BNG traslada ao Pleno deste xoves a proposta para cambiar o nome da avenida Juan Carlos I “na busca dun consenso”