FRANQUISMO

O BNG traslada ao Pleno a iniciativa para recuperar o Pazo de Meirás

O espolio de Meirás contou coa participación de concellos galegos, que teñen a responsabilidade de poñer fin a esta situación

O BNG traslada ao Pleno a iniciativa para recuperar o Pazo de Meirás

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago de Compostela trasladará ao Pleno de setembro, previsto para este xoves, unha moción para a recuperación do Pazo de Meirás como ben público e tamén para que a Fundación Franco deixe ser a encargada das visitas e pase a ser xestionado polo Concello de Sada, como garantía de que se ofreza unha información veraz sobre a historia deste espazo histórico.

O BNG quere que o Concello de Santiago realice unha condena pública das declaracións da Fundación Franco nas que expresaba a súa intención de usar as visitas guiadas ao Pazo para facer apoloxía da Ditadura e do Ditador. Ademais de instar ao Goberno do Estado a facer as modificacións legais precisas para a ilegalización da Fundación Franco, recolle o texto da moción.

O anuncio da decisión de que a Fundación Franco xestione as visitas ao Pazo de Meirás constitúe unha provocación, unha ofensa e falta de respecto tanto ás vítimas da Ditadura como a Galiza no seu conxunto, e un escandaloso exemplo da impunidade con que se move quen fai apoloxía do terrorismo fascista.

Para o BNG resulta “insultante e vergonzoso que un espazo que é produto dun espolio sexa aínda propiedade da familia Franco e resulta aínda máis indignante que a Fundación que leva o seu nome o utilice para contar unha versión absolutamente manipulada da historia e para facer apoloxía da Ditadura e do ditador”.

Estes feitos supoñen a constatación da permanencia do franquismo nun réxime que se di democrático e son posíbeis pola incapacidade do sistema político español para acabar coa vergonza que supón que a familia Franco sexa aínda dona dunha propiedade que é produto dun roubo, que faga negocio con ela e que a converta nun parque temático de enxalzamento dun réxime totalitario que exterminou milleiros de homes e mulleres por motivos políticos. Esta situación escandalosa e indignante é posíbel pola complicidade e a permisividade das institucións do Estado e da Xunta de Galiza,  que consenten, amparan e protexen o parque temático franquista en que se converteu o Pazo de Meirás.

Cómpre ter en conta que o espolio de Meirás contou coa participación de deputacións e concellos galegos. Polo tanto, estas administracións teñen a responsabilidade e o deber de sumarse ás iniciativas que procuran poñer fin a esta situación.