PLENO

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de activar o ERTMS en Angrois e apoiar as reivindicacións da Plataforma de Vítimas do Alvia

Reclama tamén melloras de mobilidade peonil na rotonda que divide o barrio de Conxo, illamento sonoro, canalización de augas pluviais, integración na paisaxe urbana e sinalización adecuada

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de activar o ERTMS en Angrois e apoiar as reivindicacións da Plataforma de Vítimas do Alvia

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha proposición para esixirlles a Fomento, ADIF e Renfe que se executen os compromisos adquiridos para mellorar a seguranza ferroviaria coa activación do sistema ERTMS que, catro anos despois do accidente de Angrois, segue sen estar operativo. Requiriu tamén que o Concello de Santiago de Compostela apoie a convocatoria de manifestación da Plataforma de Vítimas do Tren Alvia que sairá o 24 de xullo ás 11:00 da estación ferroviaria até a praza do Obradoiro para reivindicar a creación das comisións de investigación técnica e parlamentar. Ao abeiro desta iniciativa do BNG, interveu Arturo Domínguez, en representación da Plataforma de Vítimas do Alvia. Foi aprobada cos votos a favor do BNG, CA e PSOE e a abstención do PP.

O BNG trasladou tamén as reivindicacións da veciñanza de Conxo, para reclamarlle a Fomento que se arranxen as deficiencias causadas coas obras da rotonda, pois na práctica é o único paso de comunicación do que o barrio dispón, e para se mellore a mobilidade peonil para evitar que o barrio quede dividido por unha vía. En concreto, reclaman illamento sonoro, a canalización de augas pluviais, a integración na paisaxe urbana e a mellor sinalización. Aprobouse por unanimidade.

Outra das mocións foi relativa a transmitirlle ao Ministerio de Interior a vontade do Concello de Santiago de Compostela de que sexa suspendido de xeito inmediato o uso de pelotas de goma, defensas extensíbeis, armas de electrochoque e gases lacrimóxenos por parte das forzas e corpos de seguridade nas mobilizacións cidadás que se produzan nesta cidade, de acordo coas recomendacións do Comité contra a Tortura da ONU. A raíz desta moción, realizou unha intervención David Soto, en representación de Esculca. Aprobouse cos votos do BNG, de CA, abstención do PSOE e en contra do PP.

Defendeu tamén unha moción para instar ao Goberno galego a incrementar a dotación do Plan marco de camiños rurais cos concellos, que sufriu un recorte importante e relegou investimentos destinados a actuacións que inciden na mellora dos equipamentos e infraestruturas no medio rural que potencian directamente a base produtiva do agro. Aprobouse co voto en contra do PP.

Mediante un rogo, reclamou que se realicen as xestións necesarias para a instalación de lonas con imaxes que reproduzan a fachada da Catedral de Santiago de Compostela mentres duren as obras de restauración para favorecer o seu ornato. En novembro de 2013 anunciouse que a fachada da Catedral de Santiago de Compostela ía ser cuberta con lonas de fotografías impresas que reproducisen a imaxe da fachada oculta baixo os andamios instalados por mor das obras de restauración.

Requiriu tamén a publicación dun bando municipal coa declaración do 25 de xullo como Día da Patria Galega, así como a realización dunha campaña municipal para distribuír bandeiras galegas para pendurar en fiestras, galerías e balcóns durante as festas de Santiago de Compostela.

Ademais, o BNG defendeu que se realicen as xestións necesarias para reclamar medidas destinadas a evitar o ruído da AP-9 ao seu paso por Angrois e a manter os pasos agrícolas. Reclaman ademais a construción de vías de acceso agrícola, xa que foron suprimidos tres viadutos que permitían o paso ás leiras dunha e doutra beira da autoestrada. Para o BNG, non se pode permitir que o paso dunha infraestrutura acabe coa produción agraria nesta zona de Santiago de Compostela.

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de activar o ERTMS en Angrois e apoiar as reivindicacións da Plataforma de Vítimas do Alvia