PLENO

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de instalar, de urxencia, unha cuberta nova na piscina do Sar

Outra iniciativa foi para axilizar a concentración parcelaria de Villestro II –Figueiras, que afecta a máis de 1.200 propietarios e propietarias

O BNG traslada ao Pleno a necesidade de instalar, de urxencia, unha cuberta nova na piscina do Sar

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, defendeu no Pleno unha proposición para facer as xestións necesarias destinadas a mudar o caduco globo presostático que cobre a piscina do Multiusos Fontes do Sar na tempada de inverno, co fin de previr problemas de seguranza, mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de salubridade e hixiene destas instalacións municipais. Aprobouse por unanimidade.

Ademais, propuxo que o Concello de Santiago de Compostela sinalice os lugares do roteiro das Irmandades da Fala para contribuír á difusión do seu legado histórico local e nacional. Coa consolidación deste roteiro, pódese levar os centros de ensino e á promoción turística para coñecer a historia de Compostela, ademais de instalar paneis informativos para saber o pasado local e galego. Aprobouse cos votos de BNG, CA, PSOE e a abstención de CA.

Rubén Cela trasladou unha moción para axilizar a concentración parcelaria de Villestro II – Figueiras que afecta a máis de 1.200 propietarios e propietarias de parcelas de superficie agraria. Transcorreron case 27 anos desde que os propietarios e as propietarias destes terreos agardan polos definitivos para poderen cultivar e reiniciar as actividades agrarias, xa que a provisionalidade que se abre con estes procesos limita a explotación e, sobre todo, polo feito de que moitas quedan descoidadas e se enchen de maleza poden ser atacadas polos incendios, ademais de perderen parte da capacidade produtiva. A veciñanza de Figueiras e Villestro reclama tamén que se faga unha reserva de espazo, a cargo das masas comúns e das parcelas non reclamadas, para a construción do Periférico Norte, así como para futuras ampliacións da rede viaria que transcorre pola zona afectada. Aprobouse cos votos de BNG, CA, PSOE e a abstención de CA.

Ademais, outra moción foi para que o Concello de Santiago realice un plan integral de acondicionamento das infraestruturas básicas de Conxo en materia de mobilidade e seguranza viaria que inclúa pacificación do tráfico, un carril-bici, marquesiñas de bus, pasos de peóns e dotación de beirarrúas e sendas peonís, que permitan desprazamentos con comodidade e sen perigo para as habitantes do barrio. Aprobouse por unanimidade.

Un dos rogos do BNG foi para a substitución dos bancos deteriorados e a elaboración dun plan para o mantemento continuado e o reemprazo do mobiliario urbano envellecido. Noutro rogo reclamou a instalación de papeleiras de maiores dimensións cás actuais na Cidade Histórica e de novos contedores de lixo nos parques que carecen deles, co obxectivo de evitar o amoreamento de residuos e de mellorar as condicións de hixiene e de limpeza.

Outra das iniciativas foi para a instalación, de urxencia, dunha marquesiña de autobús na parada do transporte escolar en Roxos. Esta solicitude xa fora realizada polo BNG en novembro de 2017, co fin de dotar os lugares do rural que carecen destas instalacións e de mellorar este servizo público. O Goberno local comprometeuse no Pleno a poñela antes de final de 2018.