PLENO

O BNG traslada ao Pleno as obras pendentes da AP-9 para mellorar a calidade de vida en Angrois

Reclama o paso elevado para permitir o acceso ás zonas agrarias, a instalación de pantallas para reducir a contaminación acústica e a pavimentación da pista desde a Travesa de Angrois á vía de servizo da AP-9

O BNG traslada ao Pleno as obras pendentes da AP-9 para mellorar a calidade de vida en Angrois

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2018.- O grupo municipal do BNG presentará unha moción no Pleno para reclamarlle á Axencia Galega de Infraestruturas e ao Ministerio de Fomento a execución de obras comprometidas na AP-9 para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Angrois. Demandará entón o paso elevado para permitir o acceso ás zonas agrarias de Angrois, a instalación de pantallas para reducir a contaminación acústica e a pavimentación da pista desde a Travesa de Angrois á vía de servizo da AP-9.

A circunvalación de Santiago de Compostela, ao seu paso por Angrois, soporta un tráfico diario de 42.000 vehículos de media con xornadas que superan os 52.000 coches. Coas obras de ampliación da AP-9, a veciñanza de Angrois quedou sen zona de paso para acceder ás fincas da outra beira da autoestrada, cando antes había tres pontes que as conectaban. Isto afecta tamén á veciñanza do Viso e de Aríns. Agora, faise necesario erguer, cando menos, unha ponte de servizo para persoas, vehículos agrícolas e gando, posto que se ven na obriga de dar un rodeo de 6 quilómetros para poder realizar labores agrícolas e levar os animais ás zonas de pasto.

Quedou tamén pendente a instalación de pantallas para reducir a contaminación acústica e a pavimentación da pista que vai desde a Travesa de Angrois á vía de servizo da autoestrada AP-9.


Iluminación na rúa do Limpadoiro

A veciñanza de Angrois expresou a súa preocupación pola falta de iluminación pública na rúa do Limpadoiro, unha zona de moito tráfico sen beirarrúas, que entraña problemas de seguranza viaria desde que quitaron os puntos de luz e, os que deixaron, quedaron enfocados ás zonas de prado. Quéixanse tamén de que ADIF non roza a maleza na distancia que lle corresponde.

Deste xeito, esta será outra as iniciativas que trasladará o BNG ao Pleno en forma de pregunta oral para saber se o Goberno local coñece esta situación de falta de urbanización da rúa do Limpadoiro e, ademais, se ten previsto poñer iluminación pública e adecuar este tramo.

 

 

O BNG traslada ao Pleno as obras pendentes da AP-9 para mellorar a calidade de vida en Angrois