PLENO

O BNG traslada ao Pleno unha proposta de declaración institucional de “Ourives de Compostela” para revitalizar o artesanado

Arturo Ouro, Goretti Sanmartín e Lisardo Pardo de Vera
Arturo Ouro, Goretti Sanmartín e Lisardo Pardo de Vera
Reclaman a creación en Santiago de Compostela do Ciclo medio e superior de Orfebrería e Pratería e o curso de especialización en Ourivería
O BNG traslada ao Pleno unha proposta de declaración institucional de “Ourives de Compostela” para revitalizar o artesanado

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, xunto con Arturo Ouro e Lisardo Pardo de Vera, da asociación “Ourives de Compostela”, presentaron unha iniciativa do BNG coa idea de convertela en declaración institucional destinada a que o Concello reclame da Xunta a implantación de Orfebrería e Pratería, tanto en Ciclo medio como superior, e o curso de especialización en Ourivería en Santiago de Compostela.

“Esta iniciativa entronca co traballo do BNG para conseguir que a Cidade histórica teña vida, dinamismo e que se asente máis comercio local e artesán para poñer en valor produtos que saen do propio tecido económico de Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa.

Xa en xullo de 2016, o Pleno de Santiago de Compostela aprobaba, a iniciativa do BNG, unha proposición para crear un viveiro de pequenos comercios e unha liña de axudas á rehabilitación de locais sen uso na Cidade histórica para favorecer a súa revitalización e a creación de emprego vinculado a oficios tamén como a ourivaría. “Iniciativas deste tipo axudarían a que a zona histórica gañase poboación e dinamismo comercial á vez que aposta pola artesanía e produtos xerados no propio territorio”, sinalou a portavoz municipal. Para iso, é necesario previamente dotar dos coñecementos precisos para desenvolver este traballo mediante ciclos formativos.

Deste xeito, Goretti Sanmartín felicitou “Ourives de Compostela” polo plan estratéxico que recolle medidas concretas para revitalizar o tecido artesán e comercial derivado desta actividade, ademais de poñer en valor o seu peso histórico e o seu papel identitario de Santiago de Compostela, en contraposición “ao comercio que se asenta sen gardar relación ningunha con produtos feitos aquí e tradicionais”. “Por iso queremos que esta moción se converta en declaración institucional, apoiada por todos os grupos, e que a propia asociación interveña no Pleno”, engadiu.

Relevo xeracional para o renacemento da pratería e ourivaría compostelás

Pola súa parte, Lisardo Pardo de Vera indicou que no mes de xullo presentaron o plan estratéxico de “Ourives de Compostela” cun obxectivo para os tres próximos Anos Santos “para implantar un renacemento da pratería e ourivaría compostelás para recuperar o esplendor do sector e garantir outros 200 ou 300 anos por diante, con Santiago liderando este sector a nivel de Estado e cun punto de referencia a nivel europeo e mundial”. Para iso é fundamental a formación, dixo, “porque se queremos fortalecer o sector temos que atraer novos artesáns para favorecer o relevo xeracional e non permitir que se esvaeza”.

“Na cidade, a pesar de que poderiamos pensar que sería algo natural e lóxico, nunca se implantou o Ciclo de formación de Pratería e Orfebrería a pesar de estar previsto nos catálogos do Ministerio de Educación e do espazo europeo de educación superior”. “Cremos que se algunha cidade no Estado ten que ter este ciclo, tanto no grao medio e superior, ten que ser Santiago de Compostela”, engadiu.

Ademais desa necesidade, tamén existen os cursos de especialización para titulados noutros graos como xoiería, metais, gravado ou deseño, que sería dun ano, e novamente entenden que Santiago ten que ser unha referencia estatal e mesmo europea, explicou. “Se atraemos estudantes na materia e o complementamos co proxecto de crear un viveiro de artesáns e comerciantes para xerar artesanados na Cidade histórica conseguiriamos que se estas persoas se instalan na cidade sería unha maneira de volver xerar un núcleo de artesanía neste sector en que tantos séculos fomos unha referencia a nivel europeo e mundial tanto na prata como no acibeche”, indicou Lisardo Pardo de Vera.

Aínda que tradicionalmente é unha actividade que se transmitiu de mestres a aprendices, en talleres sen titulacións, a estas alturas é necesaria unha formación que acredite eses coñecementos teóricos e prácticos para a implantación profesional e a valorización do propio produto e dos artesáns. Por iso é necesario para as propias institucións, a nivel de restauración de pezas públicas e eclesiásticas, xunto coa posibilidade de recibir encargos, requirir algunha titulación mediante este ciclo de grao medio e superior e, desta maneira, que se implante na cidade que, por historia de 12 séculos de liderado no sector, debe ser Santiago de Compostela onde se instaure, argumentou o representante de “Ourives de Compostela”.