O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións da Plataforma de Emigrantes Retornados

O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións da Plataforma de Emigrantes Retornados

Require o apoio do Concello de Santiago ás persoas afectadas polas reclamacións da Axencia Estatal Tributaria sobre as pensións percibidas no estranxeiro

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG defenderá unha moción no Pleno para recadar o apoio do Concello de Santiago ás persoas que emigraron e reciben pensións de estados estranxeiros. Ademais, o BNG convidou a Plataforma de Emigrantes Retornados a intervir na sesión plenaria para expor as súas reivindicacións.

Moitas das persoas emigrantes que se viron obrigadas a abandonaren o noso país por falta de oportunidades laborais, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, son perceptoras de pensións de estados estranxeiros. Tras recibir requirimentos e sancións da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas, coa finalidade de proceder á regularización da declaración da renda de 2008 a 2011, produciuse unha forte resposta social, xa que nunca recibiran información deste trámite. Así, esgrimen que existía descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF por ese concepto, o que confirma a falta de intencionalidade de defraudar e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.

En Galiza, esta situación aféctalle a máis de 250.000 pensionistas e persoas xubiladas retornadas, por iso o BNG propón que o Concello demande do Goberno do Estado español a modificación lexislativa para fixar un mesmo réxime do IRPF para as rendas procedentes de pensións, con independencia de se estas proceden dun estado ou de varios estados, e o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez, dos países de procedencia coa finalidade de acreditar a exención na tributación destas pensións.

Entre outras medidas, o BNG require o apoio do Concello de Santiago aos veciños e ás veciñas con pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria.

O BNG traslada ao Pleno as reivindicacións da Plataforma de Emigrantes Retornados