PLENO

O BNG traslada ao Pleno a situación de máis dunha ducia de servizos que operan sen contrato no Concello de Santiago

Conserxaría dos colexios, limpeza das instalacións municipais e xardinaría de Salgueiriños sumaranse en breve a esta listaxe de servizos “que se prestan sen contrato e fóra da lei” e que provocan inseguranza xurídica e para o persoal

O BNG traslada ao Pleno a situación de máis dunha ducia de servizos que operan sen contrato no Concello de Santiago

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, anunciou en rolda de prensa a presentación dunha iniciativa que defenderá no Pleno de marzo relativa á “concatenación de incumprimentos por parte de CA na contratación de servizos de empresas concesionarias” por falta de transparencia, participación, cumprimento da Lei de Contratos do Sector Público e mesmo do respecto aos membros da Corporación, que teñen a ver “non só coa forma, tamén co fondo de facer política”.

“No anterior Pleno”, dixo, “lembrámoslle á concelleira de Facenda que o 1 de marzo é o prazo que legalmente o Concello de Santiago tiña para presentar a liquidación do Orzamento de 2017, porque prevíamos que non se ía facer”. A liquidación é un documento esencial porque é o que “realmente se fixo e se executou”, así CA non só vulnera un dereito dos grupos políticos a coñecer os datos do exercicio anterior senón tamén a lei que marca o 1 de marzo como límite para presentala.

Ademais, advertiu da situación de “ilegalidade ou alegalidade” de numerosos contratos de servizos prestados polo Concello a través de empresas privadas mediante concesións administrativas. Explicou que hai tres novos servizos que se sumarán a esta longa listaxe dos prestados sen contrato debido á falta de previsión para licitalos. Trátase do de limpeza e conserxaría de 14 colexios públicos e 6 pavillóns deportivos (un contrato de máis dun millón de euros con 56 traballadores/as); do servizo de limpeza do Concello (que remata no mes de maio e afecta a 45 traballadoras cun importe superior a 1 millón de euros e a estas alturas de marzo nin sequera está iniciada a licitación, co que non estará contratado en prazo) e do servizo de xardinaría de Salgueiriños, cun contrato especial de emprego para persoas con discapacidade, (remata este mes de marzo e nin sequera están iniciados os trámites de licitación). “Estas tres últimas pingas fan rebordar o vaso” no que se refire á prestación de servizos sen contrato, “estamos nunha situación inaceptábel, intolerábel e inxustificábel”, sinalou. Referiuse tamén a que o contrato dos autobuses urbanos rematou hai un ano e aínda non está licitado o novo contrato.

En canto a servizos que se prestan sen contrato, destacou o da ORA e guindastre que leva dous anos e medio sen contrato, dous anos dos centros socioculturais (máis de 2 millóns de euros adxudicados a dedo, sen procedemento de contratación, sen publicidade, sen concorrencia como marca a Lei de Contratos do Sector Público), ano e medio das pistas de pádel do Sar, Escola Municipal de Música, Escola infantil de Salgueiriños, Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, matadoiro municipal, Granxa do Xesto. Mención á parte merecen a situación da cafetaría de Xoán XXIII e dos mupis e marquesiñas para publicidade estática, indicou Rubén Cela.

O BNG traslada ao Pleno a situación de máis dunha ducia de servizos que operan sen contrato no Concello de Santiago