PLENO

O BNG traslada ao Pleno a petición de que se suspenda o uso de pelotas de goma, porras extensíbeis e gases lacrimoxénos nas mobilizacións de Santiago de Compostela

O Parlamento Europeo instou os países membros á prohibición do uso de pelotas de goma contra a poboación civil

O BNG traslada ao Pleno a petición de que se suspenda o uso de pelotas de goma, porras extensíbeis e gases lacrimoxénos nas mobilizacións de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2017.- O grupo municipal do BNG de Santiago traslada unha iniciativa ao vindeiro Pleno de xullo co obxectivo de transmitirlle ao Ministerio de Interior a vontade de que sexa suspendido, de xeito inmediato, de acordo coas recomendacións do Comité contra a Tortura da ONU, o uso de pelotas de goma, defensas extensíbeis, armas de electrochoque e gases lacrimóxenos por parte das forzas e corpos de seguridade nas mobilizacións cidadás que se produzan no concello de Santiago de Compostela.

O Estado español subscribiu o protocolo da Convención contra a Tortura e outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, adoptado pola Asemblea das Nacións Unidas en Nova York o 18 de decembro de 2002. Esta comisión, nun informe de 2009, advírtelle ao Estado español que sería oportuno incluír explicitamente no Código Penal que o acto de tortura pode ser cometido por persoas no exercicio funcións públicas e que a finalidade de tortura pode incluír os obxectivos de intimidar ou coaccionar.

As forzas e corpos de seguridade do Estado español son das poucas policías europeas que aínda utilizan balas de goma en manifestacións e eventos públicos como método destinado a disolver concentracións de persoas. O Parlamento Europeo instou aos países membros á prohibición do uso deste tipo de armas contra a poboación civil. Pronunciouse no mesmo sentido en 1984 e en 1997.

As armas de electrochoque están creadas para incapacitar persoas mediante descargas eléctricas. O “Taser” recibiu fortes críticas por parte de organizacións de dereitos humanos, así como polo Comité contra a Tortura da Organización das Nacións Unidas, que determinou que o seu uso provoca unha intensa dor, constitúe unha forma de tortura e mesmo pode causar a morte e instou, especificamente, ao Estado español a non utilizar estas armas.

O gases lacrimóxenos son unha arma química que provoca irritacións oculares, respiratorias e cegueira temporal. A área de dispersión do gas vai dos 60 aos 300 metros cadrados e os síntomas empezan uns 30 segundos após da exposición. Cando se usa en rúas estreitas e espazos reducidos ou pechados, as persoas están expostas a unha concentración elevada de gas e os efectos para a saúde poden ser severos. Neste ámbito adoita causar vómitos, diarrea, queimaduras na pel, danos oculares graves na córnea ou desgarro da conxuntiva, entre outros. Tamén están rexistradas feridas graves na cabeza e queimaduras a causa do lanzamento destas bombas de gas cando impactan contra as persoas.

En canto ás porras extensíbeis, o seu uso está autorizado para inmobilizar, controlar e reducir; mais non para golpear como aconteceu nunha das últimas mobilizacións de Santiago de Compostela. A rotura de costelas é unha das consecuencias da súa mala aplicación e teñen provocado contusións cervicais e traumatismo cranioencefálico, como recoñecen sentenzas que describen estas lesións.