O BNG traslada á asemblea as propostas da xuntanza mantida con CA

O BNG traslada á asemblea as propostas da xuntanza mantida con CA

comision.negociadoraGoretti Sanmartín explicitou o compromiso por parte do BNG para garantir a estabilidade dun goberno alternativo ao PP en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego comezou a primeira xuntanza con Compostela Aberta “coa felicitación polo seu resultado”, en palabras de Goretti Sanmartín, concelleira electa e integrante da comisión negociadora.

“Esta toma de contacto serviu para escoitar as propostas que CA nos quería facer chegar e tivemos un intercambio de opinións sobre aspectos básicos como o compromiso por parte do BNG para contribuír a garantir a estabilidade dun goberno alternativo, por parte dunha forza alternativa e de esquerdas como o BNG”, despois de superar o peor goberno da etapa democrática que tivo Santiago de Compostela, e “co compromiso para chegar a acordos que fagan posíbel un goberno que teña como base cuestións en que coincidimos e teremos que continuar a explorar de tipo social, de creación de emprego e de defensa de programas que se debullarán en reunións futuras”, explicou.

O seguinte paso será reunir a asemblea aberta do BNG “para trasladar as propostas de CA e, a partir de aí, ábrese un escenario con moitas posibilidades referidas ao apoio á investidura, de entrada no goberno ou de chegar a acordos programáticos ou orzamentarios”, indicou. “Todos eles están abertos, porque o BNG o decidirá dende unha perspectiva local na súa asemblea”, engadiu. “Hai unha canle de comunicación con CA que se inicia agora e que ten que ser permanente durante este mandato”, afirmou Goretti Sanmartín.

CA require o apoio do BNG na investidura

A preguntas de xornalistas, Goretti Sanmartín explicou que a proposta concreta que trasladou Compostela Aberta foi requirir o apoio do BNG no discurso de investidura, “coa simboloxía e co ánimo de conseguir unha base social máis forte que demanda un cambio neste concello, proposta que trasladaremos á asemblea aberta para adoptar a decisión que corresponda”.

Preguntada por outras posibilidades, como unha posíbel oferta de entrada no goberno, explicou que “non se deu ese debate porque se tratou dunha primeira toma de contacto para explorar e ter continuidade no futuro e teremos que ver tamén que opinan as bases das dúas formacións, mais o BNG non recibiu unha proposta concreta a respecto de entrar no goberno de CA”.

“Dende unha perspectiva local” –asegurou- “os escenarios están abertos ante a necesidade deste concello de ter un Goberno estábel que remate coas políticas que aplicou nos últimos tempos o PP e, por tanto, estamos dispostas a estabelecer distintos puntos de acordo; un pode ser o acordo da investidura, outro pode ser acordo programático ou orzamentario ou pode ser mesmo de entrada no goberno, aínda que non recibimos proposta concreta nese sentido mais o diálogo continuará na próxima semana”, concluíu.

A comisión negociadora por parte do BNG está integrada por Goretti Sanmartín, Rafael Vilar, Ignacio Louzao e Pilar Lueiro.

O BNG traslada á asemblea as propostas da xuntanza mantida con CA