MEDIO AMBIENTE

O BNG traslada á Comisión de Peticións da UE a investigación sobre o vertedoiro de Miramontes que deposita na terra residuos sen tratar

RPmiramontes01
Rolda de prensa

Rubén Cela, Ana Miranda e unha vintena de veciños/as de Grixoa denuncian as vulneracións ambientais no Concello de Santiago 

O BNG traslada á Comisión de Peticións da UE a investigación sobre o vertedoiro de Miramontes que deposita na terra residuos sen tratar

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2017.- Na rolda de prensa interviñeron o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, a portavoz do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, e a portavoz da Plataforma de Afectados/as polo vertedoiro de Miramontes, Rosa Díaz, que estivo acompañada de máis de 20 veciños e veciñas de Grixoa que viven a escasos 400 metros de onde se depositan sen tratar residuos industriais, orgánicos, sanitarios, veterinarios, alcatráns, lodos de depuradora, pilas e cristais, entre outros, de calquera parte de Galiza.

Rubén Cela indicou que “este non é un problema exclusivo da veciñanza de Grixoa, aínda que sexan os que máis o padezan, nin sequera de Santiago, senón que se trata dun problema de país e do modelo de xestión de residuos”. Estudos técnicos demostran que este vertedoiro está a incumprir múltiples aspectos da normativa, “como xa advertimos cando instamos á Xunta e ao Concello a adoptar as medidas precisas para que se xestionasen os residuos de xeito adecuado”. Así, no próximo Pleno demandará do Concello unha auditoría olfactométrica, a aclaración sobre se dispón de licenza de actividade e a petición da reposición da sinaléctica, que foi retirada, sobre a tonelaxe máxima permitida polas pistas rurais da parroquia que son competencia municipal por onde transitan os camións de residuos. O BNG reclamou, así mesmo, da Xunta de Galiza copia das actas de inspección da planta de tecnosolos dende o inicio da súa actividade.

Ana Miranda presentou a iniciativa cursada á Comisión de Peticións da Unión Europea ante as vulneracións por parte da Xunta de Galiza e do Estado español da Directiva Marco de Residuos, debido aos sucesivos cambios na autorización do vertedoiro (van máis de 10)  e “ao incumprir o feito de realizar a valorización de residuos no punto máis próximo ao lugar onde se xeran, pois están a traer residuos procedentes doutros municipios de Galiza”.

Vulnérase a obriga de peche perimetral, a necesidade de medidas de seguridade que impidan o acceso ás instalacións, hai graven consecuencias polo impacto ambiental deste vertedoiro e integración paisaxística, así como faltan as pantallas vexetais preceptivas e se toleran “arrastres líquidos que acaban directa e indirectamente en augas superficiais e subterráneas”, sinalou Ana Miranda.

Pola súa parte, Rosa Díaz explicou que ademais das molestias polo tráfico de camións e os cheiros “que chegan a ser nauseabundos” temen pola contaminación dos solos e das augas, “tanto é así que a veciñanza deixou de beber das fontes e compra auga embotellada por temor ás filtracións, mais a contaminación tamén chega polos gases froito da descomposición dos residuos”.

Aludiu tamén aos tecnosolos, que deberan ser de materiais compactados e aplicarse en terreos degradados, mais aquí se instalaron en terreo fértil na ladeira da canteira e as mostras revelan valores que triplican os límites permitidos en hidrocarburos e duplican os de metais pesados, coa consecuencia negativa cando filtren e lixivien sobre os terreos agrarios da contorna, explicou.

O BNG traslada á Comisión de Peticións da UE a investigación sobre o vertedoiro de Miramontes que deposita na terra residuos sen tratar