PLENO

O BNG traslada as demandas de servizos básicos pendentes para a urbanización de Santa Marta

Soares sen vexetación que invade zonas de paso
Soares sen vexetación que invade zonas de paso

Cómpre suavizar as beirarrúas cortantes, abrir os colectores soterrados, instalar papeleiras e placas cos nomes das rúas

O BNG traslada as demandas de servizos básicos pendentes para a urbanización de Santa Marta

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2018.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, trasladoulle ao Goberno de Martiño Noriega as demandas da veciñanza de Santa Marta que leva máis de dous anos sen servizos  básicos municipais porque aínda non se fixeron as obras de urbanización que lle corresponden.

“No barrio de Santa Marta construíronse nos últimos anos novos edificios, co que implica de necesidade de urbanización e dotación de instalacións públicas para atender ese núcleo de poboación”, explicou en rolda de prensa.

O certo é que deben desprazarse até 300 metros para depositar o lixo nos tres colectores pre-existentes aos novos edificios, porque non hai á beira das novas construcións. Ademais, resultan insuficientes para o número de habitantes, pois sempre están rebordados e con bolsas amoreadas polo chan. Nalgunha zona hai colectores soterrados que levan máis de 2 anos pechados con candeados e inhabilitados. “A veciñanza xa rexistrou diversas peticións no Concello para que os abran e normalicen o sistema de recollida de residuos”, sinalou, “mais non corrixiron esta eiva”.

Outra das peticións é a instalación de placas cos nomes das rúas e sinais de tráfico acordes ao trazado actual. Tampouco hai papeleiras nas zonas de paseo e as persoas que levan cans non teñen onde depositar as bolsas con excrementos ao non haber tampouco colectores de lixo.

Reclaman tamén unhas fileiras de árbores no aparcadoiro de Santa Marta e nalgunha zona onde instalaron bancos, para humanizar os espazos, dar sombra e facela visualmente máis agradábel. Porén, a vexetación medra nos soares pendentes de construír e mesmo invade zonas de paso.

Tamén hai queixas coas beirarrúas, ou ben están desfeitas polas obras, ou as novas incumpren as normas de accesibilidade pola altura e pola falta de rebaixe, co que as zonas de aparcadoiro son verdadeiras coitelas onde rachan rodas dos coches cada semana. Cómpre lembrar que o BNG xa trasladara esta demanda, que foi aprobada en Pleno en marzo de 2016, mais a situación non mellorou e o Concello segue a incumprir a normativa UNE de que os bordos das beirarrúas deben rematar en chafrán en declive por razóns de seguridade viaria. Veciñanza afectada tamén reclamou o importe das reparacións e cambio de rodas rachadas.

Para o BNG, o que acontece no barrio de Santa Marta coa falta de servizos básicos constitúe unha nova falta de previsión do Goberno de Compostela Aberta, que debera programar estas instalacións para a apertura de novas zonas residenciais. É un crecemento da cidade sen planificación adecuada nin acompañamento das necesidades que xorden. Do mesmo xeito que cómpre chegar a acordo coas empresas concesionarias, como a da limpeza e de xardíns, para que asuman a atención deste novo núcleo de poboación.

Deste xeito, o BNG trasladará unha moción ao Pleno de decembro con estas reivindicacións veciñais, que non requiren un grande esforzo orzamentario, para incrementar a calidade de vida con estes servizos básicos municipais no barrio de Santa Marta.