ECONOMÍA

O BNG traslada o seu apoio ao sector da hostalaría e reclama un plan de rescate por parte dos gobernos da Xunta e do Estado

BNG
BNG

Goretti Sanmartín sinala que o lóxico sería aplicar medidas económicas ao tempo que as limitacións derivadas da prevención da pandemia

O BNG traslada o seu apoio ao sector da hostalaría e reclama un plan de rescate por parte dos gobernos da Xunta e do Estado


Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladou o apoio do BNG ao sector hostaleiro que se mobiliza de novo esta tarde pola falta de apoio das administracións ante as restricións de aforo e horarios adoptadas para a prevención da covid-19.

“É necesaria unha planificación e que as limitacións de aforo e de horario nos bares e restaurantes vaian acompañadas dun verdadeiro plan de rescate por parte dos gobernos da Xunta e do Estado, para evitar a destrución de emprego e a precariedade laboral”, advertiu Goretti Sanmartín.

Ademais, o BNG urxe o alcalde Sánchez Bugallo a axilizar a concesión das axudas comprometidas para a hostalaría e o comercio, pois son moitos os negocios que ven en perigo a súa continuidade debido á redución de ingresos durante o 2020 e que aínda non viron a colaboración necesaria por parte do Concello de Santiago.

Deste xeito, reclama que as administracións se coordinen para ofrecer axudas directas e complementarias que contribúan a paliar a crise que atravesa o sector da hostalaría, tendo en conta que é necesario axilizar o seu pagamento para evitar que se incremente a precaridade laboral e o peche de negocios.

O BNG advirte tamén que esta situación derivada da pandemia, de non contar coa colaboración urxente das administracións, pode provocar un cambio de modelo de pequenos negocios tan característico dalgunhas rúas de Santiago de Compostela pola ocupación destes espazos por parte de grandes cadeas internacionais que poden acabar coa singularidade e coa esencia tradicional desta tipoloxía de bares, pubs e cafetarías, explicou.

 

O BNG traslada o seu apoio ao sector da hostalaría e reclama un plan de rescate por parte dos gobernos da Xunta e do Estado