PLENO

O BNG vota a favor na aprobación inicial da municipalización da ORA

Rubén Cela anuncia que o BNG presentará alegacións para subsanar os erros, que condicionarán a aprobación definitiva


 

O BNG vota a favor na aprobación inicial da municipalización da ORA

Perdeuse a oportunidade dun cambio radical no modelo de ORA en Santiago e que puidese desaparecer un sistema de pagamento por aparcamento deste tipo

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017.- O BNG de Santiago votou a favor da aprobación inicial da proposta de asunción directa da xestión do servizo de ORA e guindastre a través da sociedade mercantil municipal TUSSA “non polo contido da memoria que se somete a consideración nin, moito menos, pola xestión do grupo de Goberno neste proceso; facémolo exclusivamente por convicción ideolóxica”, afirmou Rubén Cela na súa intervención.

Así, o BNG votou a favor “a pesar de crer que non se fixeron as cousas ben no plano técnico e de que se perdeu a oportunidade dun cambio radical no modelo de ORA e de mobilidade en Santiago de Compostela para que puidese desaparecer un sistema de pagamento por aparcamento deste tipo”. “Iso si, ao igual que o grupo de Goberno nos trae para o seu debate e aprobación un acordo condicionado, o grupo do BNG tamén lle dará un ‘si condicionado ao mesmo na súa aprobación definitiva en función da resposta ás cuestións que presentaremos no trámite de alegación”, advertiu, para subsanar as deficiencias atopadas.

“Estamos a favor dunha xestión directa, pero ben feita; non estamos a favor de aparentar unha municipalización que non se vaia facer ou de iniciar un proceso que, ao día seguinte, da súa aprobación deixe en bandexa a súa anulación”, explicou.

Iniciativas do BNG

Ademais, o grupo municipal do BNG realizou unha pregunta oral para saber canto gastou o Concello de Santiago en instalar o sistema de apertura mediante tecnoloxía avanzada que nunca chegou a funcionar nos composteiros comunitarios de Santa Marta, Galeras e Salgueiriños.

Demandou tamén información de cando se vai proceder a mellorar a seguridade viaria nas rúas Quiroga Palacios e Belvís, para o que se fai precisa a construción dun pequeno tramo de beirarrúa e sinalización adecuada. As nais e pais que veñen cos carriños das crianzas, ao rematar a beirarrúa, teñen baixar e circular pola calzada posto que non hai ningún paso de peóns que comunique co outro lado no tramo situado enfronte do seminario menor e antes da parada do autobús.

 

Do mesmo xeito, o BNG reclamou un estudo e nova sinalización horizontal e vertical na contorna de García-Sabell, rúa Carretas, Costa de San Francisco e Entrerríos para favorecer a seguranza viaria e a mobilidade peonil.

 

Noutra das iniciativas, solicitou a instalación dunha placa conmemorativa da Revolución Galega de 1846 a carón do mosteiro de San Martiño Pinario.