CA actúa sen ambición de cidade ao aceptar o que impoñen o ADIF e a Xunta na estación intermodal

CA actúa sen ambición de cidade ao aceptar o que impoñen o ADIF e a Xunta na estación intermodal

É unha solución de segunda que non está á altura do que Santiago precisa como porta de entrada da alta velocidade a Galiza e como capital do país

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2016.- O portavoz do BNG de Santiago, Rubén Cela, afirmou no Pleno sobre a estación intermodal que Compostela Aberta aceptou “resignadamente unha imposición do ADIF e da Xunta para actuar sen ambición de cidade”. Rubén Cela e Goretti Sanmartín Rei abstivéronse na votación.

“Compostela Aberta desaproveitou a oportunidade de buscar o consenso, previamente a esas reunións co ADIF e coa Xunta, para manter unha posición de cidade; non só cos grupos municipais, senón coa Cámara, co empresariado, comerciantes e coa veciñanza do Ensanche e de Pontepedriña”, explicou. Así, conseguiuse “un bo acordo para o ADIF, posibelmente tamén para a Xunta de Galiza, pero desde logo, non o é para Santiago de Compostela”.

Ademais, Rubén Cela manifestou que conseguir que nos primeiros meses un novo goberno desbloquee unha das principais infraestruturas que levaba anos en standby é “moi tentador”, “mais buscar ese titular de prensa a toda costa, sen medir as consecuencias é unha irresponsabilidade”.

Para O BNG, despois de ler este convenio só hai unha certeza: Santiago terá unha nova estación de buses conectada coa vella estación de tren por unha pasarela “cutre e descuberta”. “Iso é o único que hai seguro, o resto é unha incerteza”, indicou Cela.

Deste xeito, Compostela Aberta asume que o ADIF non vai facer a obra da nova estación do tren e, polo tanto, non desembolsará os 29 millóns de euros comprometidos, até chegar aos 3,5 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras. Ademais, asume con naturalidade un agravio comparativo, xa que iso non se lle pediu a ningunha cidade e, na práctica, é asinar un cheque en branco porque se descoñece cando se vai chegar a esa cifra e que van acontecer de non conseguila.

Asúmese tamén o cofinanciamento dun 30% dunha pasarela descuberta pequena (de tan só 12 metros de ancho) e o pago de novo de expropiacións de terreos tralo cambio unilateral por parte da Xunta do emprazamento da futura estación de autobuses.

“Despois de tantos anos perdidos, cheos de promesas e de deslealdades entre institucións por intereses partidistas e curtopracistas, que nada tiñan a ver co interese xeral de Santiago, rematamos cunha solución de segunda que, desde o noso punto de vista, non está á altura do que Santiago precisa e merece, non xa como porta de entrada da alta velocidade a Galiza, senón como capital deste país e cidade Patrimonio da Humanidade”, indicou o portavoz municipal do BNG.