CONTRATACIÓN

CA tardou catro meses en abrir expediente polas deficiencias da iluminación de Nadal

O BNG cuestiona a lentitude na xestión do equipo de Martiño Noriega
 

CA tardou catro meses en abrir expediente polas deficiencias da iluminación de Nadal

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2017.- O grupo municipal do BNG sinala que o Goberno local tardou catro meses en abrir o expediente que anunciou en decembro de 2016 ante a alarma social suscitada polas deficiencias na iluminación decorativa de Nadal debido á execución defectuosa e demora na execución do contrato. O BNG cuestiona a lentitude na xestión do equipo de Martiño Noriega, pois requirira copia deste expediente o 27 de febreiro, mais a proposta aínda foi aprobada na Xunta de Goberno do 28 de abril de 2017.

Así, o Concello de Santiago anunciara o 14 de decembro de 2016 a apertura do expediente ao abeiro do informe do enxeñeiro técnico industrial municipal, tipificado como infracción moi grave polas consecuencias da realización defectuosa ao incumprir o compromiso de adscribir os medios persoais e materiais suficientes que causou os problemas detectados no desenvolvemento dos traballos e nos prazos.

O BNG realizou unha petición da copia deste expediente o 25 de febreiro e preguntou pola conclusión do mesmo e a sanción aplicada, de ser o caso; cuestións que aínda non foron respondidas por CA pese a que o prazo son 15 días tal como estabelece o regulamento municipal. Mais houbo que agardar á Xunta de Goberno do 28 de abril para que se aprobase a proposta de apertura deste expediente por execución defectuosa e demora no subministro de instalacións eléctricas temporais para alumeados festivos nas rúas, prazas e espazos públicos do Casco Histórico, do Ensanche e das parroquias de Santiago de Compostela durante as festas de Nadal de 2016, o que evidencia a demora inxustificada na xestión do equipo de Martiño Noriega.