CONXO

O BNG inicia unha campaña para reclamar as obras pendentes na rotonda de Conxo para gañar seguranza peonil e calidade de vida

Para gañar seguranza peonil e calidade de vida en Conxo
Para gañar seguranza peonil e calidade de vida en Conxo

Despregáronse faixas nos pasos elevados para esixir a humanización do barrio

O BNG inicia unha campaña para reclamar as obras pendentes na rotonda de Conxo para gañar seguranza peonil e calidade de vida

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017.- O BNG de Santiago iniciou unha campaña para reivindicar as obras pendentes na rotonda de Conxo para gañar seguranza peonil e calidade de vida no barrio. Así, Rubén Cela, Goretti Sanmartín Rei e Xesús Domínguez, xunto cun grupo de militantes e simpatizantes, despregaron faixas co lema “Era visto, o prometido non era isto. Humanización da rotonda XA!”

“As obras do paso inferior de Conxo foron moi mal executadas, tanto polos atrasos acumulados que provocaron graves prexuízos, especialmente á veciñanza do barrio, comerciantes e persoas usuarias do hospital provincial de Conxo, como polos acabados da obra e o incumprimento da promesa á veciñanza dunha maior humanización do paso superior”, explicou Rubén Cela en declaracións a xornalistas.

Para o BNG, o resultado final non é aceptábel, tanto no acabado do túnel, cunha calidade moi inferior ao previsto inicialmente e problemas cos desaugues e pluviais; deixaron un ceda o paso e un stop perigosos e unha actuación en materia de mobilidade moi mellorábel, segundo indicou Cela.

Comprometéronse a realizar estas obras pendentes os alcaldes do PP e Martiño Noriega, en reunións e visitas con Ana Pastor e co novo ministro de Fomento, mais “o tempo das promesas para as veciñas e os veciños xa pasou, desde o BNG, esiximos que sexa o tempo dos feitos”, reclamou.

“Humanizar non é tapar o furado e pór unhas plantas enriba, o que se require é que se poida atravesar a rotonda que divide o barrio sen ter a impresión de que é un periférico”, explicou o portavoz nacionalista. Iso implica ampliar beirarrúas, dar prioridade peonil, incorporar mobiliario urbano e incluír medidas para incrementar a seguridade viaria como pasos de peóns, maior visibilidade e revisión de sinais.

 

Conxo é un barrio especialmente castigado, non só sufriu estas obras que tiveron especial repercusión negativa no comercio, senón que a Xunta se nega a construír o novo centro de saúde que xa estaba comprometido.