MEDIO AMBIENTE

O carrizo da Pampa segue a propagarse en Compostela porque non se emprendeu o plan para o seu control aprobado no Pleno

O acordo pretendía a difusión dun bando para instar á veciñanza a eliminar esta planta que causa perdas no sector agrícola e forestal

 

O carrizo da Pampa segue a propagarse en Compostela porque non se emprendeu o plan para o seu control aprobado no Pleno

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2018.- En decembro de 2016 aprobouse unha iniciativa do BNG para emprender un plan de erradicación do carrizo da Pampa, unha planta exótica invasora que causa perdas no sector agrícola e forestal. Máis dun ano despois, segue a propagarse porque non se cumpriu o acordo que ía destinado á eliminación desta planta dos espazos públicos e parcelas municipais.

O BNG lembra que tampouco se difundiu un bando, tal como se aprobou en sesión plenaria, para instar á veciñanza a eliminar esta planta exótica invasora de xardíns e terreos particulares para contribuír a evitar a súa propagación co fin de que non degrade máis o noso hábitat.

O carrizo da Pampa (Cortaderia selloana) foi introducido principalmente a través das medianas da AP-9 e de aí se propagou ás leiras e montes próximos ás autoestradas e, ademais de estar incluído no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras, está prohibida a súa introdución no medio natural, xa que provoca o desprazamento da flora autóctona, coa que compite polo espazo e o alimento, degrada os hábitats naturais, deteriora a paisaxe e provoca a perda da biodiversidade do territorio no que se introduce. Dese xeito, está a causar perdas económicas no sector agrícola e forestal.

Trátase dunha especie moi agresiva orixinaria de zonas tépedas de Sudamérica e é recoñecíbel polo seu gran tamaño e as súas canas esbrancuxadas con forma de penacho, usadas como elementos ornamentais. Produce millóns de sementes que son desprazadas polo vento a unha distancia de até 30 quilómetros, polo que se estende a gran velocidade e provoca un grave impacto ambiental nas áreas naturais.

O carrizo da Pampa segue a propagarse en Compostela porque non se emprendeu o plan para o seu control aprobado no Pleno