MUNICIPALIZACIÓN

Rubén Cela: “CA esfórzase en dificultarnos que apoiemos a municipalización da ORA con esta actuación chapuceira"

Considera que o equipo de Martiño Noriega actúa “con frivolidade” ao non aplicar a sentenza xudicial de setembro de 2015 e conceder 5 prórrogas á empresa “ilexítima”

Rubén Cela: “CA esfórzase en dificultarnos que apoiemos a municipalización da ORA con esta actuación chapuceira"

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, manifestou que o BNG é favorábel á municipalización do servizo da ORA e do guindastre “e a recuperar calquera servizo público que estea externalizado e sexa posíbel facelo”. “Temos tomada a decisión política de apoiar calquera intento neste sentido, mais Compostela Aberta está esforzándose en dificultarnos iso, porque este xeito de proceder pode ser contraproducente para os intereses deste concello”, advertiu.

Para Rubén Cela, a decisión do alcalde de anunciar nos medios de comunicación a convocatoria do Pleno e que segue adiante co proceso de municipalización da ORA pese ao informe do director da asesoría xurídica, sen convocar a xunta de portavoces, é “unha falta de respecto” aos grupos municipais e á veciñanza que representan.

“Cando algo se fai mal nunha institución o que corresponde é rectificar e non incidir no erro, pois este Concello ten unha sentenza firme dende setembro de 2015 que nin aplicou nin pediu aclaración para executala se o precisaba; pola contra prorrogou o contrato até en 5 ocasións a unha empresa que o Xulgado di que é ilexítima”, afirmou.

Unha saída agora é indemnizar a empresa Doal, que quedara segunda, por non executar a tempo a sentenza e, “se os 600.000 euros que reclama en vez de pagalos a escote a veciñanza de Santiago, os pagase o equipo de Goberno non actuarían con tanta frivolidade”, afirmou. A outra opción, dixo, é “que haxa un Xulgado que diga que hai que darlle este servizo a Doal e bote por terra o traballo realizado nun suposto intento de asumir a xestións directa para remunicipalizar este servizo”. Estas dúas solucións son “malísimas” e se poderían ter evitado se fixesen caso ao que defendeu o BNG dende o primeiro momento, ao que se suma o informe do director da asesoría xurídica ao reclamar “un elemental principio de prudencia” para agardar pola aplicación da sentenza xudicial.

“Hai un grupo que xa está retratado: o grupo de Compostela Aberta, como un pésimo xestor e cunha actuación absolutamente chapuceira que pode ter graves consecuencias para o Concello de Santiago de Compostela”, sinalou.