PREVARICACIÓN

Rubén Cela: “Veremos o grao de autoesixencia de Compostela Aberta co concelleiro de Urbanismo investigado”

xustiza
xustiza

“O mínimo dos mínimos é que mentres non se aclare esta situación, Jorge Duarte deixe de ser responsábel de Urbanismo”

Rubén Cela: “Veremos o grao de autoesixencia de Compostela Aberta co concelleiro de Urbanismo investigado”

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou que “agora se verá o grao de autoesixencia de Compostela Aberta” a raíz da citación a declarar do concelleiro de Urbanismo o vindeiro 15 de febreiro en calidade de investigado por un presunto delito de prevaricación no caso dos locais de hostalería.

“O BNG sempre diferenciou, nestes casos, o ámbito xudicial do político”, lembrou Rubén Cela a preguntas de xornalistas, “que moitas veces poden estar entrelazados pero deben ter tratamentos diferentes”.

No ámbito xudicial, Jorge Duarte, “como así fixemos con calquera outro edil da Corporación imputado ten unha presunción de inocencia e, ademais, demandamos da Xustiza celeridade e claridade, porque eses períodos de incerteza e de dúbidas nunca son bos e, moito menos, para unha institución como este Concello que vén de pasar catro anos especialmente tumultuosos en causas xudiciais”.

No ámbito político, dixo, “rexe a lei de cada organización política e o seu nivel de autoesixencia”; Compostela Aberta presentouse a unhas eleccións onde unha das súas bandeiras era a transparencia, a rexeneración democrática e a apertura de fiestras “nunha institución que atravesou unha situación calamitosa” e unha das cuestións importantes coas que se comprometeran era un código ético que inclúe expresamente “a renuncia inmediata de todos aqueles cargos imputados pola xudicatura en delitos relacionados coa corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto dos recursos públicos ou privados, suborno, malversación ou apropiación de fondos públicos”. “A partir de aí, se Compostela Aberta quere facer unha interpretación de que o caso de Jorge Duarte non se axusta ao tipificado no seu código ético será unha valoración que lle corresponda a eles”, afirmou.

“Se eu estivese nunha situación dese tipo estaría poñendo o meu cargo a disposición do alcalde por unha cuestión de compromiso coa organización á que represento, para poder defenderme do mellor xeito posíbel e para ser coherente co que levamos defendendo neste tempo”, concluíu Rubén Cela.

Rubén Cela: “Veremos o grao de autoesixencia de Compostela Aberta co concelleiro de Urbanismo investigado”