PLENO

O BNG reclama a cesión do patio do Peleteiro para uso público mentres non se venda o inmóbel de Abanca

Rubén Cela defenderá unha moción para reclamar o traslado da antena de telefonía do Restollal, como demanda a veciñanza

O BNG reclama a cesión do patio do Peleteiro para uso público mentres non se venda o inmóbel de Abanca

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG traslada unha iniciativa ao Pleno do mes de abril co obxectivo de realizar novas xestións para que o Sareb ceda o patio do antigo colexio Peleteiro para uso público mentres non se venda esta propiedade.

O Goberno local requiriulle ao Sareb a cesión de uso temporal do patio do antigo colexio Peleteiro, mais dende outubro de 2015 non se coñecen máis xestións realizadas para aproveitar ese espazo.

“Con independencia da solución final para o edificio do Peleteiro, o patio deste centro permanece pechado cando no Ensanche hai unha gran demanda de espazos infantís, por exemplo, ao contar tan só cos situados na praza de Vigo, praza Roxa e praza de Galiza”, explicou Rubén Cela, portavoz municipal do BNG.                                         

Traslado do emisor-repetidor do Restollal

Por outra banda, Rubén Cela comprometeuse a levar a Pleno unha moción coa demanda da veciñanza do Restollal que acudiu ao Rexistro municipal con sinaturas para pedir o traslado dunha antena de telefonía móbil a un lugar máis afastado das zonas poboadas para evitar risco para a saúde.