PLENO

Crónica do Pleno de abril de 2017

O BNG reclama no Pleno que se invista o millón de euros depositado por sentenza para o arranxo do pazo da Finca do Espiño

Crónica do Pleno de abril de 2017

Trasladou tamén unha moción, aprobada por unanimidade, para requirir o traslado da antena de telefonía do Restollal, como demanda a veciñanza que interveu no Pleno

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2017.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha iniciativa para axilizar as xestións destinadas á rehabilitación do pazo da Finca do Espiño co fin de investir o diñeiro disposto por parte da empresa Layetana froito dunha sentenza, próximo ao millón de euros, para evitar o abandono e derrubo deste inmóbel. Esta actuación tiña que estar rematada en 2015, mais Compostela Aberta rescindiu o contrato polo que houbo que indemnizar a empresa con 30.000 euros por problemas nas obras. Aprobouse por unanimidade.

No apartado de mocións, o BNG brindoulle a oportunidade a representantes do Restollal a intervir no Pleno, co obxectivo de que o Concello de Santiago de Compostela realice, de urxencia, as xestións oportunas para buscar outro emprazamento afastado dos núcleos de poboación para a instalación da antena emisor-repetidor de telefonía móbil actualmente situada na Travesa do Restollal número 8, co fin de atender a reclamación da veciñanza. Aprobouse por unanimidade.

Neste sentido, require tamén que o Concello de Santiago de Compostela contribúa a garantir unha oferta suficiente de lugares para os operadores de telefonía poder realizaren un despregue ordenado das infraestruturas de redes de comunicación dende o punto de vista territorial, tal como recolle a Lei Xeral de Telecomunicacións, e tendo en conta a valoración e as necesidades da veciñanza de cada barrio.

Outra das mocións que deu pé á intervención da plataforma “Compostela non se vende” foi relativa á recuperación do inmóbel do vello hospital de Galeras para uso público, para instar á Xunta de Galiza a realizar as xestións oportunas para implantar o novo centro de maiores previsto para Santiago no inmóbel do vello hospital de Galeras. Aprobouse coas abstencións de CA, PP e PSOE.

Ademais, o BNG requiriu que no novo prego de contratación do servizo escolar de madrugadores, se dispoña de recollida previa de alumnado nos centros que non inclúa o pagamento do almorzo cando non é preciso para a familia.

Demandou tamén mediante un rogo que se realicen as xestións oportunas para o urxente arranxo da cuberta da estación de autobuses para evitar que entre auga cando chove e ofrecer un servizo en boas condicións mentres non se proceda ao seu traslado, pois son milleiros as persoas usuarias que advirten da presenza de caldeiros e de sinais de perigo pola auga que entra cada vez que chove e, con posterioridade, o chan queda con humidade constante no interior destas instalacións públicas.

Outro rogo foi destinado á realización de novas xestións para que Sareb ceda o patio do antigo colexio Peleteiro para uso público mentres non se venda a propiedade.

No apartado das preguntas orais, o BNG requiriu información sobre a cantidade ingresada nas arcas municipais a actual concesionaria do servizo de ORA e Guindastre en concepto de canon fixo e canon variable en cada trimestre do exercicio 2016.

O BNG solicitou tamén a contestación oral dunha pregunta sobre a Banda Municipal de Música coa previsión para cubrir a praza de director que está vacante dende o 31 de maio de 2016; as funcións administrativas e artísticas que se lle encomendan ao director, xerente, segundo director e responsábel da banda (de nova creación); a previsión para solucionar o remate de contratos de músicos que expiraron o 31 de marzo de 2017 e, finalmente, se ten previsto aprobar un calendario laboral específico para a banda como estabelece o convenio colectivo.