Davila esíxelle a Rajoy a Comisión de Investigación do Alvia polo accidente de Angrois

Davila esíxelle a Rajoy a Comisión de Investigación do Alvia polo accidente de Angrois

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna da Cámara Baixa portando na solapa a reivindicación dunha Comisión de Investigación do Alvia, un dos temas tratados na súa intervención.

Ademáis de repasar as políticas máis destructivas do Goberno Rajoy, Davila levou a Galiza a este último Debate de Política Xeral da lexislatura.

A deputada do BNG reprochou a Rajoy o lamentábel panorama social que deixaron as súas políticas nestes catro anos: “O seu Goberno adicouse a amargarlle a vida aos cidadáns desde o inicio. Gobernaron en contra da poboación, e onte acudiu a este debate a vanagloriarse dos seus éxitos como se a política de recurtes non tivese consecuencias. A súa intervención foi un insulto en toda regla”.

GALIZA no Debate de Política Xeral da mán do BNG

Olaia Fernández Davila levou a Galiza ao Debate de Política Xeral acusando a Rajoy de ter “sido un Goberno nulo e incumpridor co noso pais”. Criticou ao seu Goberno pola “operación de desfeita das Caixas galegas co obxectivo de lle entregar o poder financeiro e os nosos aforros ao sector privado e aos oligopolios”. Acusouno de “ter impedido que Galiza puidese ter un sistema financeiro público ou semipúblico como lle pedimos do BNG unha vez que a Caixa galega foi resgatada con carto público pero optaron por vendela a prezo de saldo”.

Por incumprimentos Davila referiuse aos incumprimentos das partidas que cada ano se contemplan nos Orzamentos do Estado. “Practicaron a pura propaganda en todos os Orzamentos, inflando partidas destinadas a investimentos no noso pais, que non foron executadas en 2014 en máis dun 40%, tanto partidas medioambientais como viarias ou ferroviarias”.

“A cambio dun AVE que non chega nunca, paralizado en varios tramos e ao que lle rebaixaron condicións”, sinalou, ademáis de mencionar o desmantelamento “da nosa rede ferroviaria interior, a saturación e o prezo abusivo en media distanza, así como a inexistencia de cercanías”. No mesmo eido das infraestruturas, Davila aludiu á AP-9: “Padecemos unha política despótica dunha concesionaria da AP-9 que nos nega servizos de calidade e merma a competitividade das nosas empresas”.

A continuación fixo un repaso polas principais dificuldades polas que atravesan os sectores produtivos galegos. Empezou polo naval. “Agora xa sen veto da UE sobre Navantia Fene, segue en deterioro, a industria auxiliar agoniza e a situación social, económica e laboral de Ferrolterra, con máis dun 34% de paro, voltouse insostíbel mentras vostedes non conseguen carga de traballo e miran para outro lado”.

Igual que o sector lácteo, engadiu, “que continúa agardando a que se lles garanta un prezo xusto do leite en orixe”. E subliñou que o leite de Galiza valería 30 millóns de euros máis se ao noso sector se lle pagasen os mesmos prezos que no resto do estado. En canto á pesca, recriminou a Rajoy o recurte de cotas na pesca de litoral que impiden que a pesca poida ser rendábel. Lembroulle que “só após de que o BNG e o propio sector denunciase perante a Comisión de Pesca da UE a inxustiza de prohibir a arte de o xeito, foi cando vostedes se moveron”.

Outro dos sectores nomeados polo BNG foi o da conserva: “deixaron á conserva en situación de indefensión fronte á competencia desleal polos acordos comerciais da UE que eliminan aranceis”.

Comisión de Investigación do ALVIA XA!

A deputada do BNG adicou unha especial atención ao grave sinistro do Alvia amosando un cartaz que pedía unha Comisión de Investigación. Davila, que tamén portaba na solapa a mesma reivindicación, criticou ao Goberno pola “nefasta xestión que fixeron” do accidente e que “se constata en cada información que coñecemos”. “Os dados son sobrecolledores e explican a verdadeira razón pola que se negaron desde o primeiro momento á cada vez máis necesaria Comisión de Investigación que desde o BNG continuamos reclamando”•.

Davila esíxelle a Rajoy a Comisión de Investigación do Alvia polo accidente de Angrois