COMEDORES ESCOLARES

O BNG considera “un disparate” a proposta de Compostela Aberta de que as ANPA asuman agora a xestión dos comedores escolares

comedores
comedores

O BNG cuestiona o xeito do Goberno local de eludir responsabilidades

O BNG considera “un disparate” a proposta de Compostela Aberta de que as ANPA asuman agora a xestión dos comedores escolares

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2017.- O portavoz grupo municipal do BNG, Rubén Cela, considera “un disparate” a proposta do concelleiro de Educación de retroceder para que as Asociacións de Nais e Pais (ANPA) asuman de novo a xestión dos comedores escolares en Santiago de Compostela.

Así, o BNG insiste en que ten que ser a Xunta quen asuma a xestión dos comedores escolares e, en tanto o Goberno galego non se faga cargo como lle corresponde, reitéralle ao equipo de Martiño Noriega que prepare a licitación do concurso municipal para o 2017-2018 que inclúa as demandas da Federación de Asociación de Nais e Pais.

Ademais, o BNG cuestiona o xeito de eludir responsabilidades por parte de Compostela Aberta, cando hai un consenso xeralizado de que deben ser as administracións públicas quen organicen os comedores, ao tempo que desoen a comunidade educativa que demanda a introdución de alimentos frescos, de tempada e de proximidade na dieta do alumnado, en troques do catering que reciben.

En novembro de 2016, o BNG realizou unha pregunta para coñecer as xestións realizadas polo Goberno local coa Xunta de Galiza neste terreo, da que dous meses despois non obtivo resposta, nun claro incumprimento máis da falta de transparencia de Compostela Aberta.