Elvira Cienfuegos apura o alcalde a resolver o conflito das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas

Elvira Cienfuegos apura o alcalde a resolver o conflito das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas

Sinala a irresponsabilidade política do PP ao abrir a expectativa de non penalizar o tempo en que perduraron as eivas detectadas

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos insta ao goberno municipal a axilizar o proceso para resolver o conflito das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas, pois a empresa pode seguir a incumprir o contrato asinado. “A falta de axilidade neste caso é unha mostra do pouco que lle importa ao PP de Santiago a educación infantil pública, pois o seu xeito de proceder en connivencia coa empresa prexudica a calidade da atención a ducias de nenos e nenas da cidade”, explicou.

Deste xeito, a concelleira nacionalista apurou o goberno municipal a penalizar o tempo que a empresa tarde en resolver as eivas detectadas “porque doutro xeito sería deixar que prevalezan os intereses da empresa e non os do Concello”. Lembrou tamén que Clece foi gañadora dun concurso cun proxecto educativo que non chegou a aplicar e cunha oferta de profesorado que recortou, en detrimento doutras que quedaron descartadas e non tiveron oportunidade de ofreceren o seu servizo. Pese a que houbo indicios de incumprimentos dende que foi adxudicataria e despois de diversos requirimentos que se negou a contestar, o Goberno municipal non emitiu informe até pasados dous meses, sabendo que cada día que pasaba xogaba a favor da merma da calidade educativa e asistencial dos centros e do interese público.

Neste sentido, Elvira Cienfuegos sinala a actitude de “irresponsabilidade política do alcalde ao abrir a expectativa de non penalizar o tempo en que perduraron as eivas detectadas”.

O informe pon de manifesto que a empresa non cumpriu os seus compromisos na xestión das escolas, incluíndo a falta de resposta aos requirimentos realizados por parte do Concello. De non haber documentos ou mostras probatorias, as alegacións da empresa carecen de significado; o expediente municipal de sanción (penalización ou rescisión) ten que continuar para que a empresa teña a oportunidade de probar as súas afirmacións e, de non poder facelo, o Concello ten que adoptar as medidas que corresponden e que están especificadas no prego de condicións.

Obviamente, que se lle sancione por incumprimentos de meses non exime de cumprir no futuro as condicións estabelecidas no seu contrato; máis ao contrario, debería cumprir dun xeito absolutamente exquisito. “De incorrer en novos incumprimentos estaría reincidindo e, xa que logo, agravando as faltas”, explicou Elvira Cienfuegos.

Elvira Cienfuegos apura o alcalde a resolver o conflito das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas