LINGUA

O BNG requírelle a CA que as entradas do Teatro Principal volvan imprimirse en galego

Teatro Principal
Teatro Principal

O Concello de Santiago debe evitar que naqueles servizos municipais onde o galego estaba instaurado pase a ser substituído polo castelán

O BNG requírelle a CA que as entradas do Teatro Principal volvan imprimirse en galego

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2017.- O grupo municipal do BNG requírelle ao Goberno local que volva a expedir en galego os billetes dos espectáculos do Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Nunha iniciativa que trasladará ao Pleno deste xoves, sinala que, dende hai uns meses, o Teatro Principal deixou de vender no despacho de billetes as entradas para os espectáculos impresas en idioma galego.

“O Concello de Santiago debe prestar especial atención ao proceso de normalización lingüística a través da galeguización dos seus servizos e, especialmente, evitar que naqueles en que o galego era a lingua de uso preferente e estaba instaurado, como no ámbito da cultura, pase a ser substituído polo castelán”, recolle o texto da iniciativa da formación nacionalista en Raxoi.