ENSINO

O BNG alerta de que a escola infantil de Salgueiriños, investigada na Pokemon, prestará servizo sen contrato dentro dun mes

Súmase á listaxe de empresas concesionarias que operan sen soporte legal

O BNG alerta de que a escola infantil de Salgueiriños, investigada na Pokemon, prestará servizo sen contrato dentro dun mes

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG destaca a “falta de rigor, eficacia e desleixo” do Goberno de Compostela Aberta ao permitir que a escola infantil de Salgueiriños, investigada na Pokemon, vaia prestar o servizo sen contrato a partir do 18 de abril, porque xa non dá tempo a realizar unha nova adxudicación en prazo, nin sequera de urxencia.

Non se trata de crear alarma social, pois pode proseguir o seu funcionamento de xeito irregular, mais isto obedece a unha falta de previsión na axenda de Compostela Aberta para realizar unha xestión transparente e acorde á legalidade, cando neste caso é unha dobre irresponsabilidade “porque hai que ser moi estritos cos prazos da Lei de Contratos do Sector Público”, explicou Rubén Cela e, moito máis, ao se tratar dun servizo básico como é unha escola infantil e deixalo sen soporte legal, tendo en conta que esta contratación é obxecto de investigación na operación Pokemon coa repercusión social negativa e de descrédito político e institucional que ocasionan as actuacións municipais ligadas á corrupción.

Manter a escola infantil de Salgueiriños sen contrato a partir do 18 de abril vai sumarse á listaxe de empresas concesionarias que operan deste xeito. Cómpre lembrar que os centros socioculturais levan un ano sen contrato, as pistas de pádel xestionadas polo Concello no Multiusos Fontes do Sar dende outubro de 2016 e o servizo da ORA e guindastre dende xaneiro de 2017, ao que se engade unha sentenza sen executar de outubro de 2015. Para o BNG, estes feitos representan un xeito de gobernar moi afastado da transparencia e da boa xestión de recursos públicos.

Neste sentido, Rubén Cela, con retranca, recomendoulle ao Goberno de Compostela Aberta comprar unha axenda para anotar cando expiran os prazos dos contratos das empresas concesionarias dos servizos públicos.