ENTROIDO

O BNG advirte que a FANPA organiza as actividades de conciliación de Entroido “porque o Concello non se fai cargo das mesmas”

O Pleno aprobara elaborar un plan anual para realizar estes programas durante as vacacións infantís

O BNG advirte que a FANPA organiza as actividades de conciliación de Entroido “porque o Concello non se fai cargo das mesmas”

“Estes días moitos pais e nais teñen que facer peripecias para poder deixar atendidos os fillos e as fillas en idade escolar debido ás vacacións de Entroido”, explicou Rubén Cela.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, advirte que o programa de conciliación de Entroido foi asumido pola Federación de Asociación de Nais e Pais cando debe ser o Concello quen organice estas actividades cunha oferta socioeducativa que permita harmonizar a vida familiar e laboral.

“Santiago de Compostela, pola configuración de moita poboación que traballa na cidade sen ter unha rede familiar na que poder apoiarse para atender as crianzas durante os períodos de vacacións, precisa un programa municipal de conciliación laboral e familiar con carácter anual para os períodos non lectivos, tal como foi aprobado en Pleno a iniciativa do BNG”, explicou Rubén Cela. “Estes días moitos pais e nais teñen que facer peripecias para poder deixar atendidos os fillos e as fillas en idade escolar debido ás vacacións de Entroido”, engadiu.

Así, reclamou unha maior implicación por parte do Goberno municipal na programación destas actividades “que recaen nas ANPA porque o Concello non se fai cargo das mesmas”. Ademais, Rubén Cela aproveitou para parabenizar o labor das ANPA, que suplen esta falta de traballo municipal “cun programa diverso de actividades de formación complementaria para que nenos e nenas poidan gozar durante o Entroido cando os seus proxenitores están no seu traballo”.

Na iniciativa do BNG aprobada en Pleno, que Compostela Aberta aínda non xestionou, incidíase nun programa de actividades de conciliación para os períodos non lectivos que fomente a igualdade de oportunidades ao ter un prezo público, con bonificacións para as unidades de convivencia con menos recursos, ademais de impartir as mesmas actividades en todos os centros e favorecer a descentralización.